Friday 31 de January de 2025

O Concello inicia os trámites para aprobar unha taxa turística na Coruña


O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, explicou que esta medida permitirá “mellorar os servizos públicos dos que gozan a cidadanía e os visitantes”

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, anunciou esta mañá que o Concello someterá a consulta pública o establecemento na cidade dunha recarga municipal no imposto galego sobre as estadías turísticas na cidade. Esta iniciativa ten como obxectivo establecer unha taxa turística dun importe de entre 1 euro e un máximo de 2,5 euros por persoa visitante e pernocta.
“Desde o Goberno de Inés Rey somos plenamente conscientes de que cada vez temos maior ocupación hoteleira, máis cruceiros e máis turismo na nosa cidade. O turismo é unha actividade económica crucial para este Goberno, porque sen dúbida é xerador de emprego e riqueza”, sinalou José Manuel Lage. Co fin de poder facer fronte aos gastos que se derivan do elevado fluxo de visitantes que recibe a cidade da Coruña, especialmente intenso nalgúns barrios que sofren os efectos da masificación turística, o Goberno de Inés Rey propuxo o establecemento, mediante ordenanza fiscal, dunha recarga municipal, tal e como posibilita a Lei 5/2024 da Xunta de Galicia sobre as estadías turísticas na comunidade autónoma.
“A Coruña, segundo as estatísticas do INE, recibe desde hai décadas un fluxo crecente de visitantes, que chega a supoñer unha población flotante de media dunhas 30.000 persoas, un 12% adicional da poboación residente, polo que compre mellorar os servizos dos que gozan tanto os coruñeses e coruñesas como os visitantes”, indicou José Manuel Lage.

Os ingresos derivados deste recargo, que repercutirán ao 100% nas arcas municipais, e permitirán levar a cabo investimentos vinculados á promoción, o impulso, a protección, o fomento e o desenvolvemento dun turismo sustentable na cidade. “Esta taxa permitiranos, ademais, mellorar o control sobre as vivendas destinadas a usos turísticos, mellorar acalidade de vida das persoas que residen nos barrios con maior densidade turística e crear novas estratexias para fomentar a desconcentración turística”, dixo o concelleiro.

Tamén incidiu José Manuel Lage en que, en termos comparativos, A Coruña terá unha das taxas turísticas máis baixas do país, cun mínimo de 1 euro e un máximo de 2,5 euros de recarga, inferior aos 4 euros de Barcelona ou Baleras. A nivel europeo, tamén se situará por debaixo de cidades como Xenebra (7 euros), París (6 euros), Venecia (5 euros) ou Florencia (3,5 euros).

Unha vez publicada na páxina web do Concello a consulta pública para a implantación de dito recargo ou taxa turística, abrirase un período de 20 días para que as persoas ou entidades que o desexen poidan formular as súas achegas e suxestións. Despois, iniciarase o proceso para a súa instauración definitiva, para a cal a medida deberá ser aprobada no Pleno municipal.

Deja un comentario