Friday 31 de January de 2025

O PP de Culleredo destapa o engano de Rioboo: o proxecto para rehabilitar a Torre de Celas leva oito anos nun caixón


∙ O Partido Popular non valida o proxecto caducado do 2017 e esixe unha solución seria.

∙ “Hai que lembrar que o señor Rioboo tivo maioría absoluta 4 anos tras a elaboración dese proxecto. 4 anos nos que non fixo absolutamente nada”.

∙ Finalmente, a moción que presentaron os populares para reparar a Torre e a súa contorna, contou co apoio unánime da Corporación.

O grupo municipal do Partido Popular de Culleredo acusa o alcalde, José Ramón Rioboo, de “querer enganar aos veciños sacando do caixón desastre dos proxectos nunca realizados, o da rehabilitación da Torre de Celas que data do 2017”.

No pleno celebrado este martes, no que os populares defenderon unha moción para a rehabilitación da Torre, o alcalde “admitiu que xa existía un proxecto para este fin, un proxecto que se enviou a Patrimonio a finais do 2017. En pouco máis dun mes recibiu o visto e prace da Xunta e desde entón, dorme nun caixón. Perdéronse máis de 8 anos nos que non se fixo nada de nada”, asegura o concelleiro popular responsable da moción, José Antonio Golpe Faraldo.
Este dato, o de realización do proxecto “foi obviado nas notas de prensa enviadas polo Concello tras coñecerse a nosa moción. Fíxoselles crer aos veciños que o proxecto era recente cando permanecía esquecido desde 2017. Unha absoluta falta de respecto aos veciños de Culleredo en xeral, e aos Celas en particular”, denuncia o edil popular.

Golpe Faraldo asegura que ese proxecto esquecido “ha quedado completamente desfasado. No pleno o alcalde asegurou que bastaría cunha actualización de prezos, pero nestes 8 anos nos que non se fixo nada, a deterioración da Torre foi a máis e agora esiximos a elaboración dun novo proxecto, o anterior non serve”.

No pleno os populares pediron explicacións de “como un goberno con 4 anos de maioría absoluta, co visto e prace de Patrimonio e con todo a favor deixou morrer a posibilidade de rehabilitar a Torre e a súa contorna. É absolutamente inescusable e unha mostra clara da desidia dun alcalde ausente cuxa incompetencia está a deixar a Culleredo nunha situación de abandono preocupante”.

Deja un comentario