— A película conta cunha subvención de 260.000 euros a través da convocatoria para a produción de proxectos audiovisuais galegos de 2023 da Consellería de Cultura
— Parte da aclamada curta homónima, coa que o cineasta e ilustrador coruñés acadou en 2017 un dos seus catro premios Goya
A agardada terceira nova longametraxe de animación do cineasta e ilustrador coruñés Alberto Vázquez encara a recta final dos traballos de produción cara á súa estrea neste ano 2025. A compañía galega Abano Producións volve compartir camiño coa vasca UniKo nun novo traballo deste premiado director, para o que conta cunha subvención de 260.000 euros da Xunta na convocatoria de 2023 para produción e coprodución de proxectos audiovisuais.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Jacobo Sutil, visitou hoxe na Coruña o equipo galego que durante o último ano vén traballando nesta produción, que se desenvolve tamén en Estremadura e País Vasco. En total, a realización desta película mobiliza máis de 100 profesionais, dos que unha trintena se atopan na nosa Comunidade.
Sutil felicitounos polo avance da produción, sobre a que tivo a oportunidade de intercambiar impresións co propio director e con Chelo Loureiro, de Abano, e Iván Miñambres, de UniKo, produtores executivos da fita. Desta volta, uníronse á produtora estremeña Glow e á portuguesa Sardinhas en Lata para a coprodución dun proxecto que parte da aclamada curtametraxe homónima, premio Goya á mellor curta en 2017, e para o que contan ademais coa distribuidora francesa Le Pacte.
Entre outros recoñecementos, Alberto Vázquez conta tamén cos Goya á mellor longametraxe de animación polas súas dúas anteriores películas, Unicorn Wars (2022) e Psiconautas, los niños olvidados (2017), así como á mellor curta de 2012 por Birdboy, obras todas elas que consolidan a traxectoria do creador coruñés como un dos grandes nomes da animación española e internacional.
Realizada en versión orixinal galega, a fita é unha fábula existencialista sobre o sentido da vida e as crises que a atravesan, recuperando e ampliando o universo da curta para desenvolver unha historia que mestura comedia, drama, fantasía e crítica social.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.