Thursday 30 de January de 2025

Os Servizos Sociais municipais chegan a 22.000 persoas en 2024 grazas ao reforzo dos programas de asesoramento, das bolsas sociais e do SAF


Os Servizos Sociais municipais sumaron en 2024 case 22.000 usuarias únicas, 6.700 máis que un ano antes, e chegaron desta maneira ao 22% da poboación de Santiago. Ese incremento responde ao incremento orzamentario de programas impulsados desde a concellaría, como a convocatoria de bolsas de comedor, material, e actividades extraescolares; ou ao reforzo do Servizo de Axuda no Fogar. Así se recolle na memoria anual, presentada hoxe pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; acompañada pola xefa de sección do departamento, Eva González.

A tenenta de alcaldesa lembrou que “o Goberno sempre tivo claro que o 2024 tiña que ser o ano do social en Santiago, unha decisión que se viu reflexada nos orzamentos e, polo tanto, no balance do departamento que demostra que esa aposta chegou de maneira efectiva aos veciños e veciñas”. Así se explica, salientou, que 21.958 persoas foran usuarias dos Servizos Sociais Municipais, “unha cifra que só se superou en 2020 nun contexto moi diferente que foi o da crise económica e sanitaria derivada da Covid”. María Rozas apuntou que este aumento “non responde evidentemente a unha peor situación económica, senón a unha concepción dos Servizos Sociais Municipais como unha ferramenta que non se limita ás persoas en exclusión social, senón que atende outras variables sociais e mesmo a cuestións de conciliación, para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Servizo de Axuda no Fogar

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais deu conta dos datos relativos ao Servizo de Axuda no Fogar, que en 2024 sumou 740 persoas usuarias, 538 delas na modalidade de dependencia e 202 na modalidade de libre concorrencia. Máis dun cento do total de usuarias foron veciñas do rural. En canto ao seu perfil, o 72,5% foron mulleres, cunha idade media de case 82 anos; e o 73% do total de usuarias fórono na modalidade de dependencia. O ano pasado prestáronse case 188.000 horas de servizo, 12.000 horas máis que un ano antes.

María Rozas apuntou que estes datos están relacionados co novo contrato do SAF, que o ano pasado tivo un orzamento de 6,3 millóns de euros, fronte aos 5,2 millóns de 2023 e os 3,6 millóns de euros de 2022. Ademais, tal e como explicou, o novo contrato entrou en vigor a mediados de ano, “de modo que os seus efectos se notarán mellor no balance anual de 2025”. A concelleira salientou “o esforzo que estamos a facer desde o Concello para mellorar o funcionamento do SAF, mentres seguimos pedindo, coma todas as administracións municipais, unha maior implicación da Xunta no financiamento do servizo”. Neste sentido, Rozas apuntou que en 2024 o 31,5% do custo do Servizo de Axuda no Fogar recaeu no Concello, 10 puntos máis que en 2023; mentres que o peso da achega autonómica descendeu 8 puntos, ata o 55,2%.

Bolsas sociais

En canto ás bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares, en 2024 tramitáronse 1.277 expedientes, 260 máis que un ano antes. Grazas ao incremento orzamentario, que chegou a 1,1 millóns de euros (300.000 euros máis que en 2023), concedéronse 808 bolsas de comedor por escaseza de recursos (+171); 600 axudas para actividades extraescolares (+113); 309 bolsas de comedor escolar por razóns de conciliació (+149) e 279 axudas para a compra de material escolar (+112).

María Rozas explicou que case o 20% dos menores de entre 3 e 12 anos empadronados en Santiago recibiron bolsa de comedor, e o 48,5% dos nenos e nenas beneficiarias, un total de 620, fórono por primeira vez na convocatoria deste ano.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais tamén se referiu á Ordenanza de Garantía Básica, que en 2024 beneficiou a máis de 200 persoas a través de 88 expedientes: 60 da renda de garantía básica, e 28 de prestacións de rescate social. Esta ferramenta, apuntou María Rozas, foi especialmente útil para chegar a persoas de nacionalidade estranxeira, o 76% do total de beneficiaras, “porque un dos obxectivos é garantir os dereitos fundamentais de todas as persoas que viven en Compostela, con independencia da súa situación administrativa”.

Atención ás persoas sen fogar

A tenenta de alcaldesa referiuse, por último, á atención ás persoas sen fogar “unha liña de traballo que para nós é prioritaria, que o seguirá sendo neste ano”. Ao longo de todo 2024, foron atendidas 236 persoas en rúa, das que o 86% foron homes, e preto do 60% persoas de nacionalidade española. A idade media situouse nos 47 anos.

Ao longo do ano, desde o departamento de Servizos Sociais municipais foron realoxadas 103 persoas localizadas en rúa, tanto en pensións como nas vivendas de transición municipais que son xestionadas polas diferentes entidades. O SEMUS, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, fixo en 2024 case 150 rutas nocturnas, e a media de persoas localizadas en cada saída foi de 22. O servizo, prestado a través dun convenio con Cruz Vermella, entregou 5.500 packs de alimentos e bebidas, 1.150 prendas de abrigo, e máis de 380 sacos de durmir.

Ademais das rutas nocturnas para atender ás persoas sen fogar, o SEMUS tamén se activa para outro tipo de situacións, como a atención a familias en situación de desprotección, atención a personas maiores ou con discapacidades, atención a vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual… En total, fixéronse case 190 intervencións por estes diferentes motivos.

María Rozas puxo en valor o esforzo realizado polo Concello de Santiago para mellorar os Servizos Sociais e, polo tanto, o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas. Nese sentido fixo a comparativa dos datos de 2024 con respecto ao que acontecía dez anos atrás: pasamos de 186 usuarias e un millón de euros de orzamento do SAF en 2015 a 740 usuarias e 6,3 millóns de euros de presuposto en 2024; ou pasamos de 90.000 euros de orzamento e 267 expedientes de bolsas de comedor escolar en 2015 a 1,1 millóns de euros de presuposto e case 1.300 expedientes en 2024. Para a tenenta de alcaldesa, “estes indicadores tamén deben ser tidos en conta cando falamos da evolución e dos avances rexistrados en Santiago”

Nesa liña, a xefa de servizo de Servizos Sociais, Eva González, salientou o reforzo dos distintos servizos e liñas de axuda do departamento “que nos permite avanzar na igualdade entre todos os nenos e nenas de Compostela, de moitas mulleres e de persoas maiores”.

Deja un comentario