Un total de 116 alumnos e alumnas de Infantil e de 1º a 4º de Primaria participaron nunha charla de GatoCan Oroso e recibiron un exemplar do libro-guía “O Refuxio de Bando”
O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización sobre o coidado das mascotas, cuxa primeira acción tivo lugar no CPI Antonio Orza Couto. Un total de 116 alumnos e alumnas de Infantil e de 1º a 4º de Primaria participaron nunha xornada formativa impartida por persoal da protectora GatoCan Oroso e levaron un agasallo do Concello: o libro “O Refuxio de Bando”.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, agradeceu a colaboración das integrantes de GatoCan Oroso, que falaron á rapazada sobre as responsabilidades que supón ter unha mascota. Para iso contaron coa colaboración de dous dos seus “peludiños”, Leo e Duki, que fixeron as delicias dos pequenos, que aprenderon a importancia da adopción e do respecto aos animais.
GatoCan Oroso é unha asociación dedicada ao rescate e coidado de animais abandonados cuxo obxectivo principal é brindar unha segunda oportunidade a cans e gatos que foran abandonados, maltratados ou sufriran algunha situación de risco. Unha protectora sen ánimo de lucro que traballa para darlles unha vida digna e atoparlles un fogar amoroso.
O Refuxio de Bando
Pola súa banda, Rodeiro Tato aproveitou para entregar aos presentes un exemplar do libro-guía de Os Bolechas “O refuxio de Bando”, unha obra protagonizada polas personaxes creadas por Pepe Carreira e publicada pola editorial Bolanda, en colaboración co Refuxio de Bando, e patrocinada polos concellos de Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Vedra, Touro, Trazo, Dodro, Padrón e Val do Dubra.
A través das divertidas aventuras dos Bolechas, este libro promove o benestar animal, rexeita o abandono e informa sobre as formas de adopción responsable, os coidados dos animais, as tarefas de socialización e a información de coidado de cans e gatos da protectora. Ademais, tamén difunde outras opcións para colaborar co refuxio de Bando como a acollida, o apadriñamento ou os labores de voluntariado na entidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.