Abordaranse temas sobre a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes, concretamente con temáticas sobre a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa
Proxectaranse catro ficcións e un documental no Pazo da Cultura ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar o aforo
Entre o xoves 30 de xaneiro e o xoves 20 de febreiro o Pazo da Cultura de Carballo acolle as proxeccións do ciclo de cinema euroárabe AMAL en Ruta Carballo 2025, que nesta edición de 2025 aborda principalmente temas sobre a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes. Baixo o lema “Existir es resistir”, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e noutras historias de resiliencia en contextos de conflito e migración. Os filmes abordan temáticas como a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa.
A concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez, o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero presentaron hoxe en rolda de prensa, no Pazo da Cultura de Carballo, a oitava edición desta mostra de cine. A actividade está organizada conxuntamente por ambas entidades co obxecto de achegar a sociedade árabe a Galicia, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.
Maruxa Suárez resaltou que AMAL en Ruta cumpre xa oito anos e que o Concello de Carballo está “moi orgulloso de poder colaborar e de conseguir que haxa un público bastante fiel” a esta mostra. Subliñou que “a programación deste ano é moi axeitada con catro filmes palestinos” e desexou que a iniciativa sirva para que “non se silencie esta cultura palestina”.
Ghaleb Jaber lembrou que desde hai décadas, o pobo palestino foi sometido a múltiples agresións: roubo de terras, confiscación de propiedades, demolición de vivendas, restricións de movemento, limpeza étnica, represión violenta, tortura e morte. “Os responsables desta masacre levan tempo utilizando a cultura e os medios de comunicación para encubrir as súas atrocidades. Por iso, cada poema, cada película, cada fotografía, cada libro que publicamos é sinónimo de loita. Os palestinos e descendentes de palestinos convertemos o mero feito de existir en resistencia. Amal non é só un festival de cine, é un acto de resistencia. Nos 22 anos de
Amal, loitamos contra a desinformación que promoven as empresas de comunicación e outros organismos co obxectivo de deshumanizar a cultura e a cidadanía árabe e converter ao resto da sociedade en cómplices desta barbarie. Pero Amal significa esperanza, e este ano significa, sobre todo, resistencia” –destacou–.
Rematou Evencio Ferrero que quixo, pola súa banda, agradecerlle á Fundación “que siga existindo e resistindo” para crear iniciativas como esta e “amosarlle aos veciños que tamén hai cultura de resistencia”. Para o Alcalde de Carballo “o que está ocorrendo co xenocidio na franxa de Gaza e coas invasións posteriores” deixa “na súa gran maioría vítimas completamente inocentes” e AMAL en Ruta está conseguindo que exista un público “que está desexando refrescar o seu compromiso e resfrescar as súas mentes cada edición”. Para rematar, desexou que a mostra de cinema sirva para “insistir, resistir e trasladarlle ao conxunto da sociedade estas realidades que están aí día a día”.
Este ciclo leva varios anos visitando Carballo grazas ao seu carácter itinerante e tense convertido nun proxecto que hoxe é máis necesario ca nunca, porque o coñecemento do “outro” favorece o entendemento e o respecto mutuo, dous elementos fundamentais para avanzar na tolerancia e no progreso entre os pobos, algo que a mostra canaliza a través da cultura audiovisual.
Amal en Ruta é un proxecto da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, unha entidade sen ánimo de lucro nacida en Santiago de Compostela no ano 1984 e cuxa misión principal é o achegamento cultural entre Oriente e Occidente, en concreto, entre o mundo árabe, Latinoamérica e España.
A Fundación tense convertido ao longo das súas máis de catro décadas de existencia nun referente da vangarda audiovisual e do debate social en Galicia, así como nun exemplo de integración cultural, destacando entre as súas actividades a Semana de Cinema Euroárabe AMAL -a máis antiga de Europa-. Dende 2008 a Fundación é membro da Alianza Global para a Diversidade Cultural da UNESCO.
Cinco longametraxes cun considerable recoñecemento nos principais festivais de cine internacionais
AMAL en Ruta Carballo é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Este ciclo consta de catro ficcións e un documental –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver desde o xoves, 30 de xaneiro, ao xoves, 20 de febreiro, no Pazo da Cultura (rúa do Pan s/n) ás 20.00 horas. O acceso ás proxeccións é libre e gratuíto ata completar o aforo da sala.
• Xoves 30 xaneiro – 20.00 horas.
The Teacher (FIC)
Farah Nabulsi
2023 | Palestina | 115’
Un profesor palestino enfróntase á devastadora realidade do conflito en Gaza mentres trata de inspirar aos seus estudantes a través da educación. A película retrata, cunha mirada íntima, o choque entre o idealismo e a brutalidade cotiá onde o ensino convértese nun acto de resistencia.
Farah Nabulsi é unha directora palestinobritánica defensora dos dereitos humanos. Foi
nomeada aos Oscars e gañou un premio BAFTA pola súa curtametraxe The present no 2021. Fundou unha produtora a través da cal escribe, produce e dirixe as súas filmes de ficción, explorando temas que lle importan.
• Sábado 1 febreiro – 20.00 horas.
Inshallah Walad (FIC)
Amjad Al Rasheed
2023 | Xordania, Francia, Exipto | 113’
Nai e ama de casa, Nawal ten que enfrontarse á súbita morte do seu marido. Segundo a lei de sucesións, a familia do seu marido ten dereito á maioría das súas pertenzas, incluída a vivenda que ella mesma pagou, só porque non ten fillo. Desesperada, finxe estar embarazada.
Amjad Al Rasheed, nado en 1985, é un director e scritor xordano. A súa primeira longametraxe, Inshallah Walad, estreouse mundialmente no Festival de Cannes de 2023 como parte da prestixiosa Semana da Crítica. Isto converteuna na primeira película xordana seleccionada para o Festival de Cine de Cannes.
• Xoves 6 febreiro – 20.00 horas.
The Old Oak (FIC)
Ken Loach
2023 | Reino Unido | 110’
O filme narra o futuro de The Old Oak, o único pub que resiste nunha vila do noroeste de Inglaterra, onde a xente está abandonando a terra a medida que pechan as minas. As casas son baratas e están dispoñibles, polo que é un lugar ideal para un grupo de refuxiados sirios.
Ken Loach é un prestixioso director británico, coñecido polo seu estilo realista e o seu enfoque sobre temas sociais e políticos. Ao longo da súa carreira, dirixiu aclamados filmes como Daniel Blake, Riff-Raff e The Wind that Shakes the Barley, todos eles premiados internacionalmente. Loach destaca polo seu compromiso coa xustiza social, a cotío
explorando as loitas das clases traballadoras e grupos marxinalizados nas súas obras cinematográficas.
• Xoves 13 febreiro – 20.00 horas.
To a Land Unknown (FIC)
Mahdi Fleifel
2024 | Grecia, Reino Unido, Palestina | 105’
Chatila e Reda, de orixe palestina, son dous curmáns que remataron vivindo nos suburbios de Atenas buscando unha vida mellor. No intento de aforrar diñeiro para
pagar os pasaportes falsos e mudar a Alemaña, Chatila trama un plan extremo
antes de que sexa demasiado tarde.
Mahdi Fleifel é un cineasta palestino que reside en Londres. Naceu en Dubai, creceu no campo de refuxiados de Ain El-Helweh (O Líbano) e nas aforas de Elsinore (Dinamarca). Graduouse na Escola Nacional Británica de Cinema e Televisión en 2009. O seu coñecido documental, A World Not Ours percorreu o gran circuito de festivais e obtivo numerosos premios, entre eles o Premio da Paz da Berlinale, o de Mellor película en Edimburgo e o Gran Premio en Yamagata.
• Xoves 20 febreiro – 20.00 horas.
Bye Bye Tiberias (DOC)
Lina Soualem
2023 | Palestina, Bélxica, Qatar, Francia | 82’
Anos despois de deixar a súa aldea palestina para emprender unha carreira de actriz en Francia, Hiam Abbass regresa a casa coa súa filla neste documental íntimo sobre catro xeracións de mulleres e o seu legado compartido de separación.
Cineasta e actriz franco-palestina-alxerina, Lina Soualem é licenciada en Historia e Ciencias Políticas pola Universidade da Sorbona. Soualem dirixiu os multipremiados filmes Their Algeria (2020) e Bye Bye Tiberias (2023), o cal foi elixido para representar a Palestina nos Óscar de 2024.
Máis información: https://www.festivalamal.com/amal-en-ruta-24-carballo
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.