O Concello de Neda incrementará os fondos, destinados a apoiar durante este curso o labor das Anpas que xestionan os servizos de comedor escolar e de madrugadores nos colexios públicos de Maciñeira e de San Isidro. Aínda non sendo competencia municipal, a administración local destinará neste exercicio un total de 16.000 euros a colaborar cos gastos de persoal requiridos para soster estes dous recursos educativos complementarios, necesarios para a conciliación de numerosas familias.
O pleno da Corporación local daba luz verde por unanimidade á proposta de alcaldía de modificar o orzamento prorrogado do 2024 para elevar un 28% o crédito destinado ás subvencións nominativas que recibirán estas dúas entidades, cuxo traballo puxo en valor o rexedor, así como o seu reparto.
Así, a Anpa de Maciñeira – o cole con máis alumnado- contará desta volta cunha achega de 8.700 euros, namentres o CEIP San Isidro recibirá un total de 7.300 euros. Unha aportación que, xunto á das propias familias, busca contribuír ao mantemento destas prestacións.
De feito, o goberno local mostrouse aberto a reforzar aínda máis as partidas no caso de ser preciso, e comprometeuse ademais a impulsar un estudio de custes e avaliar posibles fórmulas para asumir no futuro o programa de almorzos na escola, un recurso importante para facilitar que os pais e as nais de Neda poidan conciliar obrigas laborais e coidado dos seus fillos/as menores.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.