A alcaldesa, Inés Rey, apuntou a necesidade de que a normativa entre en vigor ante o incremento dos prezos da vivenda. “A proliferación das VUT reduce a bolsa de inmobles dispoñibles na cidade”, con impacto directo nos alugueiros
O concelleiro Francisco Díaz Gallego precisou que “o Concello concederá un prazo de tres meses desde a entrada en vigor da ordenanza para que as persoas titulares de VUT poñan en orde ou obteñan a súa habilitación”
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá de que o Goberno municipal prevé aprobar a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico (VUT) na Coruña en Xunta de Goberno nos vindeiros días.
A rexedora, acompañada esta mañá polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, apuntou que esta decisión se toma nun contexto no que “nos preocupa o incremento do prezo da vivenda” e subliñou que o Goberno municipal “está a tomar todas as medidas que están na súa man para reverter esta situación”.
Rey adiantou que esta mesma semana se convocará de novo o sector para seguir avanzando na declaración de zona tensionada. “Estamos a facilitar a construción de vivenda e de novos polígonos, a avanzar na rehabilitación de vivendas, mais coido que todas e todos somos conscientes de que tamén debemos regular as VUT”.
Rey subliñou que a proliferación das VUT está a ter un impacto directo no mercado inmobiliario e, moi en especial, no alugueiro de vivendas, “tanto por reducir a bolsa de inmobles dispoñibles na cidade como polo incremento dos prezos, que é evidente”.
As VUT non poderán estar situadas sobre unha vivenda de uso residencial
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, precisou as liñas de acción que recolle a nova ordenanza VUT, que establecerá os requisitos esixibles de
implantación de vivendas para este tipo de usos na cidade. Entre eles, que as VUT non poderán estar situadas nunha planta inmediata superior a unha vivenda.
“Si se permitirá o seu emprazamento en plantas primeiras ou baixas, atendendo, iso si, ás especificidades do Plan xeral en ámbitos como o PEPRI, e tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva”, concretou.
Outro aspecto fundamental da ordenanza é o axuste á legalidade. Os servizos municipais verificaron que, efectivamente, había vivendas da cidade que estaban a ofrecer usos de VUT sen contar coa habilitación administrativa pertinente. “Por este motivo, o Concello concederá un prazo de tres meses desde a entrada en vigor da ordenanza para que as persoas titulares de inmobles VUT poñan en orde ou obteñan a súa habilitación administrativa. No caso de que non cumpran coa normativa municipal marcada no texto desta ordenanza VUT, terán que dalos de baixa no Rexistro da Xunta”, indicou Díaz Gallego.
A delimitación de distritos saturados de VUT
O texto da nova ordenanza tamén estipula as pautas para declarar unha zona saturada de VUT, o que permitirá impedir a implantación de novas VUT en distritos afectados pola súa excesiva proliferación. Por exemplo, distritos censuais da cidade nos que o número de VUT sexa superior a 0,5 por cada 100 habitantes.
Como se realizaría a limitación da implantación de máis VUT nun distrito saturado? En primeiro lugar, aprobando esta medida na Xunta de Goberno Local para, posteriormente, levala ao Pleno. Todo isto, con exposición pública e trámite de alegacións entre medias.
“Somos conscientes de que a regulación da implantación das VUT pode non gustar a todos, mais temos que actuar con responsabilidade e sentido común. A Coruña é unha cidade aberta e o turismo é fundamental para a súa economía, mais isto non é un debate de branco ou negro, trátase de buscar un equilibrio e coido que é o que estamos a facer. Cumprir a normativa xa non debería ser obxecto de debate, polo que a oferta ilegal de VUT, sen autorización ou comunicación previa para iso, é inadmisible. Mais, ademais, hai unha realidade urxente que atender: A Coruña e moitas outras cidades reflicten as complicacións actuais de acceder a unha vivenda nun mercadoxa tensionado, tanto en réxime de propiedade como de alugueiro. E isto esixe actuar botando man de todas as ferramentas das que dispoñamos. Neste caso, de tipo xurídico”, indicou Díaz Gallego.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.