Thursday 30 de January de 2025

Nereida Canosa: “A seguridade viaria é fundamental para que as persoas maiores poidan manter a súa independencia no día a día”


O Concello da Coruña incorpora talleres de seguridade viaria nos programas municipais ‘Maiores en Plena Forma’ e ‘Actividades Socioculturais’, promovendo unha mobilidade segura para persoas maiores de 55 anos

O Concello da Coruña dá un paso máis na promoción do benestar e a seguridade das persoas maiores coa incorporación de talleres especializados impartidos por axentes da Policía Local nos programas xa consolidados de ‘Maiores en Plena Forma’ e ‘Actividades Socioculturais’. Esta iniciativa do Goberno de Inés Rey ten como obxectivo principal fomentar a seguridade viaria entre a cidadanía maior de 55 anos, garantindo unha mobilidade segura e autónoma.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, subliñou que “a coordinación entre as distintas áreas do Concello permite ampliar o alcance e a calidade dos servizos que prestamos á cidadanía. A seguridade viaria é fundamental para que as persoas maiores poidan manter a súa independencia no día a día”. Pola súa banda, a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz Romero, destacou que “estes talleres non só educan en normas de seguridade, senón que tamén permiten achegar a Policía Local á veciñanza, reforzando os lazos comunitarios”.
Os talleres inclúen sesións teóricas e prácticas, abordando temas como o recoñecemento das sinais viarias, os dereitos e obrigas dos peóns, o uso responsable dos pasos de peóns e as precaucións ao circular por zonas urbanas. Ademais, incorporarase unha dinámica participativa para identificar puntos de mellora na seguridade viaria da cidade, recollendo as experiencias e suxestións das persoas participantes.

Estas actividades compleméntanse coa ampla oferta de ‘Maiores en Plena Forma’, que inclúe accións de estimulación física, cognitiva e social, e coas ‘Actividades Socioculturais’, que abarcan desde talleres artísticos e tecnolóxicos ata visitas culturais e paseos dinámicos. A suma dos talleres da Policía Local enriquece aínda máis un programa que, segundo datos do Concello, chega a máis de 10.000 persoas cada ano.

Os talleres comezarán a impartirse no mes de marzo nos centros cívicos municipais. Esta iniciativa reflicte o compromiso do Goberno municipal coa creación dunha cidade accesible, segura e inclusiva para todos os colectivos. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Servizo de Acción Social ou consultar a páxina web do Concello.

Deja un comentario