A mostra recolle 34 imaxes do fotoxornalista español Fernando Moleres, tomadas en puntos do Ártico, Groenlandia, Islandia, os Alpes e tamén nos glaciares pirenaicos
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a visitar a exposición, que estará aberta ata finais do mes de xuño
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá no acto de apertura da mostra fotográfica ‘A pegada do desxeo’, aberta ata finais de xuño no Aquarium Finisterrae, e que convida a unha reflexión social sobre o impacto ambiental que está a ter o cambio climático a escala global.
A exposición recolle 34 imaxes da criosfera —a porción da superficie terrestre cuxa auga está conxelada—, tomadas polo fotoxornalista español Fernando Moleres entre os anos 2014 e 2020, en latitudes do Ártico, Groenlandia, Islandia e os Alpes, entre outros lugares do planeta.
O conxunto das fotografías da exposición articúlase ao redor de tres eixes a través dos que se describe a emerxencia climática como un dos maiores desafíos da humanidade. En primeiro lugar, abórdase a relevancia do Ártico. Os científicos chámanlle ao Ártico o chivato do clima, por ser a zona planetaria máis sensible ao aumento da temperatura, xa que se quenta o dobre de rápido que o resto da Terra. O actual aumento da temperatura reduciu a superficie de xeo estival do Ártico un 35% respecto a 1979, cando comezou a medirse. A gran masa de xeo ártico reflicte a enerxía solar (un 80%) ao espazo e fai que a temperatura do aire e da auga do Polo Norte se manteñan estables e frías. Pero, unha vez que empeza a derreterse, o océano absorbe moita máis enerxía solar e a temperatura da auga ascende de forma súbita. Este quecemento do Ártico aféctalles ás correntes oceánicas que regulan o clima mundial.
Un segundo conxunto de imaxes aborda os glaciares. O xeo é o único material que preserva o aire fosilizado. Nas rexións polares e alpinas acumulouse xeo capa sobre capa ao longo de centos de miles de anos. Os investigadores perfórano en profundidade e obteñen longos cilindros nos que se aprecian franxas que se corresponden co xeo acumulado cada ano, e que conteñen burbullas de aire, isótopos de osíxeno, aerosois de orixe volcánico, humano… A determinación da composición destas burbullas milenarias proporciona datos históricos moi exactos do clima.
E, por último, as fotografías que mostran a pegada do desxeo. O cambio climático está a acabar cos últimos glaciares de España. No noso país perdéronse xa máis do 80% dos glaciares pirenaicos e para 2030 desaparecerían irreversiblemente.
Segundo os científicos, o máis probable, polo menos a curto prazo, é que se esboroe a capa de xeo do oeste da Antártida. Nos últimos 50 anos, as augas que hai ao redor dela quentáronse 2,5 graos e os derretementos de grandes glaciares aumentaron espectacularmente, o que ameaza con importantes subidas dos niveis do mar a escala mundial, entre 4,5 e 6 metros.
Gonzalo Castro, acompañado no acto desta mañá polo director do Aquarium Finisterrae, Francisco Armesto, convidou a cidadanía a visitar esta nova exposición no Aquarium Finisterrae e incidiu na importancia da divulgación científica como “unha ferramenta clave á hora de concienciar sobre os cambios que está a experimentar o mundo no que vivimos, tamén para facer reflexionar, a escala interxeracional, sobre os hábitos que cómpre interiorizarmos no noso día a día, poñendo o noso gran de area para frear a crise ambiental actual”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.