Será efectiva no recibo de 2026 e deberán acreditar a súa condición de pensionista da Seguridade Social en diferentes modalidades
Veciños e veciñas con mobilidade reducida poden solicitar no rexistro municipal ou a través da sede electrónica a exención do imposto de rodaxe aínda cando non teñan expedido o certificado de discapacidade. Basta con que acrediten a súa condición de pensionista da Seguridade Social con recoñecemento da pensión de incapacidade no grao total, absoluto ou gran invalidez ou ben pensionista de clases pasivas con pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente. A exención será efectiva no recibo do 2026, despois de que entrase en vigor este mes a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica.
A corporación daba luz verde ao cambio normativo no pleno do mes de novembro, e o acordo pasaba a exposición pública uns días despois coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Tras concluír o prazo legal de 30 días hábiles, e sen que se presentasen alegacións, o Concello publicaba no BOP do pasado venres (24 de xaneiro) o texto definitivo, completando así a tramitación administrativa e abrindo a exención non só ás persoas que dispoñan do certificado de discapacidade -en grao igual ou superior ao 33%- senón tamén a aquelas outras que cumpran os requisitos sinalados.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.