O Concello de Oleiros iniciou un proceso participativo para consultar a cidadanía sobre os servizos prestados e valorar a xestión do Concello. Esta consulta é unha enquisa anónima a través da web municipal.
Entre as cuestións presentadas está enquisa recollerá aspectos tales como o funcionamento dos servizos públicos, a programación de actividades, as instalacións, a atención á cidadanía, a xestión política. Gostaríamos saber os obxectivos da enquisa se o Concello vai dar publicidade aos resultados da mesma, datos de participación, e como van influír os resultados na acción do Goberno.
Ademais, o noso portavoz municipal fará varias preguntas sobre temas que afectan á cidadanía, entre elas:
Rúas da parroquia de Nós só para residentes
A saturada Costa da Tapia segue sen alternativas e incide de xeito directo no denso tráfico do noso Concello. As rúas Lameiro e Veiga son vías alternativas cara Oleiros para evitarmos a saturada Costa da Tapia alén da comunicación directa cara Cambre, a zona do Temple é a única opción que existe para moita veciñanza, nomeadamente de Nós, en orde a atender todo tipo de necesidades. Semella que existe a intención do Concello de Oleiros de impedir o tránsito, agás para residentes, nas devanditas rúas.
Queremos saber dende o BNG se á veciñanza da zona lle parece ben ou non, se era unha demanda consolidada de hai tempo ou se estamos a falar dunha decisión súpeta, se foi acordado previamente coa AVV dos Rueiros e tamén se houbo algunha campaña informativa ou non, como si houbo na limitación de aparcamento só para residentes de Xoez (onde se mandou unha carta informativa a cada casa).
Topónimos recuperados, necesaria translación á toda a sociedade
O Concello de Oleiros está a desenvolver un proxecto de recuperación da toponimia local para a súa conservación, traballo feito coas persoas maiores que participan nos obradoiros da memoria. Até o de agora xa se recuperaron 86 topónimos tradicionais: localización xeográfica, historia e imaxes. No BNG achamos que todos eses nomes non deberían ficar esquecidos nun caixón ou nunha páxina de internet, cremos que deben ter unha continuidade real de maneira que estes topónimos cheguen á sociedade, especialmente á xente nova, e ocupen espazos visíbeis, xeitos para acadar isto existen moitos e variados.
Perguntaremos ao Concello se ten pensado tomar algunha medida na liña mencionada ou só seren incluídos na “Galiza nomeada” da Real Academia Galega.
Transporte na Ría entre Oleiros e A Coruña
A iniciativa do transporte na Ría entre Oleiros e A Coruña correspondeu sempre ao BNG que o leva a demandar durante lustros. Emendou os últimos orzamentos esixindo a planificación e concreción das obras necesarias para permitir que, con uso turístico e diario, das zonas de costa de Santa Cristina, Santa Cruz e Mera para o posíbel atraque de embarcacións de pasaxeiros, poidan estar operadas polo transporte colectivo marítimo para a posíbel conexión a través da ría coa cidade da Coruña.
O proxecto Coruña-Oleiros-Xunta segue absolutamente paralizado. O Concello de Oleiros comprometeuse a finais do 2022 a facer un informe sobre a viabilidade económica do proxecto. Descoñecemos a existencia dese proxecto, pediremos ao Concello que proceda á súa elaboración o máis axiña posíbel, ou que o publicite de estar feito.
Accesos deficientes e perigosos á residencia asistida de maiores de Oleiros
O actual acceso á residencia asistida de maiores de Oleiros faise por un único víal que resulta perigoso, tanto polo seu ancho como polo trazado, cunha curva de case 90 graos e outros atrancos. A isto súmase que os accesos e as saídas se fan pola mesma vía, a pesar de que non collen dous vehículos ao tempo en paralelo.
Todo isto provoca que, nunha posíbel emerxencia, a situación da evacuación dos e das residentes, ou o acceso e saída dos vehículos de emerxencias, resultarían verdadeiramente complicados. É preciso ter en conta que a RAMO conta con 280 residentes, moitos e moitas delas en situación de alto nivel de dependencia, e a cantidade de persoal coa que conta a residencia, especialmente en horario nocturno, non facilitaría unha posíbel evacuación.
O actual Plan Xeral de Ordenación Urbanística de Oleiros contempla unha posíbel solución, a través do desenvolvemento do sector SUD-18, para o que sería preciso chegar a un acordo entre os axentes implicados, concretamente, o Concello, a Xunta de Galiza e os e as propietarias dos terreos. O BNG levou ao Parlamento galego esta cuestión. Rogamos ao Concello que tome as medidas que lle puideran corresponder, para corrixir as limitacións dos accesos á residencia asistida de maiores de Oleiros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.