O Concello, AGA-Ferrolterra e a Casa do Mel de Goente iniciaron este luns en Naraío os obradoiros sobre a avespa asiática itinerantes cun único obxectivo: darlles guerra desde xa mesmo contando coa colaboración veciñal. A falta de investigacións que dean coa solución definitiva, hoxe por hoxe o único método preventivo que parece ter certa efectividade é o do trampeo para a captura de fundadoras de novas colonias. Un xeito de combater a praga que debe iniciarse precisamente nesta época e para o que toda axuda é pouca. De aí que tanto o Concello como o sector apícola estean insistindo en que se constrúan trampas caseiras e que se distribúan o maior número posible, preferentemente nas proximidades das zonas onde se detectaron niños a temporada pasada.
A Casa do Mel de Goente retirou durante 2015 arredor de 700 niños de avespa asiática desde Viveiro até Ares. E é que o arco nor-noroeste de Galicia foi o ano pasado -xunto co sur de Pontevedra- a área máis afectada pola invasión e todo apunta a que neste o problema medrará exponencialmente. Malia que existen datos oficiais baseados nos avisos atendidos por Tragsatec, no sector das abellas e da froita -os máis prexudicados polas avespas- considérase que a presenza de velutina é moi superior á que figura nos rexistros da Xunta.
Á explosión demográfica desta especie invasora úneselle, segundo parece, un cambio de comportamento con respecto aos estudos elaborados ata o momento. Ata agora pensábase que os niños secundarios quedaban sen actividade a finais de outubro ou primeiros de novembro. Porén, segundo sinalan desde a Casa do Mel, a finais de decembro aínda se retiraron colonias a pleno rendemento e hai noticia de niños activos incluso en xaneiro e febreiro. O que non se sabe con certeza é se esta variación se debe á rareza do inverno que levamos ou se se trata dunha adaptación permanente.
En calquera caso nestes momentos o mundo apícola está buscando novas armas de combate colaborando con outras entidades. En San Sadurniño a asociación Os Picos do Sol impulsou a finais de outubro o proxecto Fab Lab, que vén sendo un punto de encontro entre xente experta en distintas disciplinas que buscan solucións para a vida diaria baseadas na tecnoloxía. Un dos primeiros retos que asumiron foi o de atopar un método de loita efectivo contra a velutina. Teñen abertas varias frontes: drones para detección dos niños, sistemas de dardos con insecticida ou con condensadores para elevar a temperatura das colonias, e mesmo a posibilidade de usar o olfato dos cans para atopar as colonias que, segundo parece, deu bos resultados nunha proba desenvolvida recentemente na localidade valenciana de El Perelló.
A esta liña súmanse iniciadas noutras partes do país e do Estado, como é o caso da Universidade de Vigo ou do proxecto Hooney Booney, que botou a andar en Aragón coa intención de usar o láser como arma defensiva das colmeas.
Á espera de que apareza unha ou varias solucións combinadas, en Galicia a AGA e maila Xunta fixeron unha campaña de reparto de trampas que, a xuízo da Casa do Mel, debe ir acompañada dun trampeo racional e focalizado nas zonas de maior incidencia. Esa é a razón de que a asociación apícola con base en Goente destaque a importancia de ter datos xeorreferenzados dos puntos en que apareceron ou estean aparecendo niños e, en base a eles, colocar as trampas.
Intensificar as capturas de raíñas
A entidade avoga pola fabricación de trampas con botellas plásticas cargadas nunha terceira parte con atraente, ben de elaboración caseira ou ben comercial. Nas charlas iniciadas este luns en Naraío están incidindo especialmente niso, en que se constrúan trampas e que se coloquen a partir de agora e ata o mes de abril preto de lugares onde houbo constancia de presenza de velutina. O obxectivo é capturar raíñas fundadoras de novas colonias xusto no momento en que saen da hibernación para facer novos niños. A teoría é que por cada fundadora que caia nunha trampa haberá unha colonia menos da que preocuparse no futuro.
O Concello, AGA-Ferrolterra e a Casa do Mel solicitan a máxima implicación veciñal na detección dos niños primarios que empezarán a xurdir a partir de agora e tamén na colocación de trampas que, a xuízo, da xente da Casa do Mel, só deben empregarse nesta época e durante o outono, engadíndolle daquela azucre á mestura de atraente.
Os obradoiros continuarán hoxe e o resto da semana no locais sociais de San Sadurniño coa seguinte programación:
1 de marzo, local da Seara, en Ferreira.
2 de marzo, local de Santa Mariña do Monte.
3 de marzo, local social do Camiño Arriba.
4 de marzo, local social de Bardaos.
7 de marzo, Casa da Xuventude de San Sadurniño.
8 de marzo, local social de Igrexafeita.
9 de marzo, local social de Lamas.