Saturday 07 de June de 2025

Aprobado o programa Xantar na Casa “para seguir avanzando na atención ás persoas maiores e dependentes”


A Xunta de Goberno aprobou hoxe o programa “Xantar na Casa”, de maneira que quedaron establecidas as pautas para a xestión e o acceso ao servizo das persoas beneficiarias. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, explicou que, con este novo servizo, “avanzamos na mellora da atención ás persoas maiores e dependentes, que é un dos obxectivos prioritarios do Goberno”. O executivo municipal tamén deu luz verde á solicitude de axudas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para mellorar a xestión de biorresiduos po un importe máximp subvencionable de 289.350 euros.

A aprobación do programa na Xunta de Goberno era o último paso previo necesario para a posta en marcha do servizo, despois de que o Concello asinara o correspondente convenio co Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. As persoas beneficiarias serán seleccionadas, previa valoración técnica, polo departamento de Servizos Sociais. O “Xantar na Casa” tén como obxectivo garantir unha alimentación equilibrada, de calidade, e adaptada ás necesidades das persoas maiores, en situación de dependencia, ou en risco de exclusión social. Ao tempo, facilítase a súa permanencia nos seus fogares, evítanse situacións de risco asociadas ao proceso de elaboración dos alimentos, e dáselle un respiro ás súas persoas coidadoras. Tal e como explicou María Rozas, o “Xantar na Casa” será un bo complemento para o Servizo de Axuda no Fogar, “e coa súa posta en marcha atendemos a unha demanda que nos viña trasladando a veciñanza”.

As persoas beneficiarias recibirán semanalmente no seu domicilio un máximo 7 e un mínimo de 5 bandexas diferentes co xantar para cada día da semana. Tamén se facilita frigorífico e microondas no caso de que os fogares das usuarias non dispoñan deses electrodomésticos. O prezo do xantar está fixado en 7,50 euros por persoa e día, dos que o 46,6% é achegado pola Xunta, mentres que a persoa beneficiaria e o Concello achegan o 26,6% cada parte. O Concello destinará a este programa 233.600 euros.

Persoas beneficiarias

Tal e como se recolle no programa aprobado hoxe, poderán ser beneficiarias de “Xantar na Casa” as persoas maiores de 60 anos con limitacións para o seu desenvolvemento persoal e sen rede de apoio; persoas en situación de dependencia ou con discapacidade recoñecida, ou persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, técnicamente avaliada polos Servizos Sociais. Á hora de baremar as solicitudes, teranse en conta criterios relativos á unidade de convivencia e a rede informal de apoio da persoa solicitante, as características da súa vivenda, a situación económica, a súa autonomía persoal, a idade, ou o seu grao de dependencia.

O programa “Xantar na Casa” contará inicialmente cun máximo de 60 prazas, e unha vez cubertas as persoas solicitantes quedarán en lista de agarda. A intención do Concello é que ese número de prazas poidan ser ampliadas nun futuro.

Axudas para a xestión de biorresiduos

O executivo municipal tamén deu luz verde esta mañá á proposta para solicitar as axudas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao abeiro da orde do pasado 17 de decembro.

Concretamente, o Concello de Santiago solicitará o importe máximo subvencionable, que ascende a 289.350 euros, dos cales 241.470 euros corresponden á liña 1, destinada a proxectos de implatación, ampliación ou mellora de recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico, como a compostaxe e/ou dixestión anaerobia e 47.880 euros á liña 2, dirixida a proxectos de separación e reciclaxe en orixe mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria, o que se coñece como compostaxe in situ.

Segundo explicou o concelleiro de Sustentabilidade e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, o obxectivo destas axudas pasa por potenciar a xestión e recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais e minimizar a vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción, biodegradable e materiais recuperables.

Licenzas

Tamén se acordou conceder ao Arcebispado unha licenza de obra maior para a rehabilitación de fachadas e cubertas dos edificios sitos na rúa Nova 29 e 31, e outras dúas para a instalación de dúas torres guindastre no claustro de San Xoán e no patio oeste do Parador-Hostal dos Reis Católicos para a execución dos traballos de rehabilitación xa autorizados na pola Xunta de Goberno Local o pasado lmes de xullo.