Tuesday 22 de April de 2025

Unha delegación de Cuba visita o Aquarium Finisterrae co obxectivo de implantar no seu país o modelo dos Museos Científicos Coruñeses


O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recibiunos e destacou o impulso do Goberno de Inés Rey a estes espazos, con melloras nas instalacións e ampliación da súa programación
A Coruña, 27 de xaneiro de 2025.- O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recibiu esta mañá no Aquarium Finisterrae a unha delegación do goberno de Cuba, que levaron a cabo unha visita guiada e informativa das instalacións. O obxectivo é explorar a posibilidade de implantar o modelo dos Museos Científicos Coruñeses no país americano, así como establecer lazos de colaboración e aprendizaxe.
“Desde o Goberno de Inés Rey estamos orgullosos da evolución que están a ter os nosos Museos, que cada ano son máis visitados e contan cun plan de melloras que nos permitiu nos últimos anos renovar o sanatorio de focas do Aquarium ou o proxector da Casa das Ciencias”, apuntou tras a visita Gonzalo Castro. O edil tamén destacou o papel importante que xoga a programación paralela e complementaria que teñen os tres museos, con iniciativas que supoñen un valor engadido aos módulos permanentes das instalacións.
As persoas asistentes ao encontro puideron comprobar in situ as diferentes salas e o funcionamento diario do Aquarium Finisterrae. A delegación cubana estivo encabezada pola presidenta da Axencia Cubana de Medio Ambiente, María de los Ángeles Serrano, directora xeral de Acuarios Nacionales, Ana América Socarras, a directora xeral do Proyecto Turismo Sostenible, Rudy Montero Mata, e o consul de Cuba en Galicia, Javier Álvarez. Tamén participaron o presidente da Fundación Iris para el Cambio Climático, Odalys Aldana, a directora xurídica da Fundación Iris, Andy Willian Mesa, e a especialista principal de relacións exteriores da Fundación Iris, Ingrid Izquierdo.