O vindeiro 14 de febreiro ás 18:00h, o Concello de Oleiros ten prevista unha visita guiada á exposición Luis Seoane Identidade, memoria histórica e movementos sociais na Fundación Luis Seoane na cidade da Coruña.
O venres 14 de febreiro Concello de Oleiros ten prevista unha visita guiada en horario de tarde á exposición Luis Seoane Identidade, memoria histórica e movementos sociais na Fundación que leva o seu nome na Coruña.
Tras tres anos ausente por mor dos traballos de acondicionamento levados a cabo na súa Fundación, a obra de Luis Seoane protagoniza unha exposición que saca á luz destacadas pezas pertencentes ao legado da institución.
A mostra sitúa estas obras dentro de tres grandes bloques temáticos que poñen de manifesto diferentes aspectos do pensamento do artista galego, no que conviviron os postulados das vangardas europeas, a reivindicación da historia, tradicións e identidade galegas, a arte e a cultura americanos, o compromiso político e a incorporación de Galicia aos principios da modernidade.
A exposición comisariada por Silvia Longueira e María Antonia Pérez, distribúe unha serie de óleos, gravados, debuxos, produción editorial e outros soportes en dúas salas segundo os tres apartados aos que fai referencia o título: Identidade, Memoria Histórica e Movementos Sociais.
Ofértanse 30 prazas para maiores de idade e as inscricións deberán efectuarse a partir do 4 de febreiro ás 10.00 horas na sede electrónica, no ámbito de cultura, o persoalmente na Fábrica, no departamento de Cultura, de 10.00 a 14.00 horas. A inscrición inclúe o desprazamento obrigatorio en autobús e a visita guiada no museo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.