Friday 22 de November de 2024

A conselleria de Ordenación do Territorio brinda colaboración técnica para axilizar a tramitación do planeamento en Cambre


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o rexedor local, Óscar García, mantiveron un encontro de traballo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse co alcalde de Cambre, Óscar García, para abordar diversos temas de interese para a localidade.

Un dos principais asuntos tratados foi a tramitación do PXOM, para o que Mato brindou a colaboración técnica da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo co fin de axilizar o proceso “o máximo posible”. De feito, ambas administracións acordaron convocar unha reunión técnica en dúas semanas para avanzar en distintos aspectos urbanísticos e ambientais do planeamento.

Ademais, Mato aproveitou o encontro para trasladarlle o alcalde que o Goberno galego xa está traballando no proxecto do bombeo do Temple, e que se espera licitar esta obra “o antes posible” e iniciar a execución este mesmo ano. Recordou que esta actuación, xunto co tanque de tormentas licitado hoxe no DOG, é un dos traballos pendentes para completar o Plan de saneamento local da ría do Burgo.

No encontro, o concello trasladou as súas demandas e solicitou apoio financeiro para acometer obras de acondicionamento na zona do río Mero, que serán agora analizadas por Augas de Galicia.