Wednesday 29 de January de 2025

Aberta ao tráfico a nova rotonda das Rañas, construída para mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria na estrada que conecta o Martinete co Monte Patelo


O Concello rematou a semana pasada os últimos detalles da intervención, co pintado da sinalización horizontal nos aneis da glorieta e nos seus accesos. O investimento foi de máis de 330.000 euros

Xa está aberta ao tráfico a nova rotonda das Rañas, unha infraestrutura construída polo Concello na estrada que conecta O Martinete e Monte Patelo baixo a AC-14, co obxectivo de mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria na contorna do núcleo poboacional das Rañas.
Os traballos, que supuxeron un investimento de máis de 330.000 euros, remataron ao longo da semana pasada, cando se atenderon os últimos detalles referentes ao pintado da sinalización horizontal tanto nos aneis da glorieta como nos accesos a ela. Desta forma, xa foi posible habilitar o paso de vehículos con total normalidade.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou o cambio en positivo que supón a construción da glorieta en troques da configuración previa que había no cruzamento das Rañas, exposto habitualmente ao paso de vehículos pesados por ser un percorrido clave entre os polígonos de Pocomaco, Agrela e as superficies comerciais de Marineda City. “A rotonda mellora substancialmente a fluidez do tráfico rodado e, coa creación dos novos pasos peonís en elevación, tamén a seguridade e visibilidade das peoas e dos peóns”, apuntou.

Díaz puxo en valor que co plan de actuacións nas Rañas, que incluíu a construción de novos treitos de beirarrúa nos accesos ao núcleo residencial e tamén a renovación das luminarias dispostas á beira da estrada, “o Goberno de Inés Rey dá resposta ás necesidades da veciñanza, coa que seguiremos a traballar para acometer medidas que melloren a súa calidade de vida no día a día”.

Cómpre lembrar que esta actuación nas Rañas levouse a cabo baixo un formato de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS).

Deja un comentario