Unha xornada deportiva para promover a convivencia e a solidariedade, organizada polo CPI Castro Baxoi coa colaboración do Concello.
O vindeiro xoves, 30 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, a localidade de Miño acollerá a segunda edición da “Milla pola Paz”, un evento deportivo organizado polo CPI Castro Baxoi co obxectivo de promover valores de convivencia e solidariedade. A cita terá lugar na Rúa Estremeiro e contará coa colaboración do Concello de Miño, ANPA CPI Castro Baxoi e diversas entidades locais.
A carreira está aberta non só ao alumnado do centro, senón tamén ás familias que desexen participar, fomentando así a implicación de toda a comunidade educativa nunha xornada festiva e saudable. As inscricións poderán realizarse o mesmo día do evento, unha hora antes do inicio das probas. Ademais, como parte do compromiso solidario que caracteriza esta iniciativa, habilitarase un punto de recollida de alimentos non perecedoiros, que serán destinados a apoiar ás persoas máis necesitadas.
O programa inclúe cinco categorías adaptadas ás idades e niveis dos participantes. Desde os máis pequenos de Infantil, que completarán media volta, ata os estudantes de ESO e os adultos, que percorrerán tres voltas para completar a distancia dunha milla. Tamén haberá probas específicas para os ciclos de Primaria, con distancias axustadas a cada nivel.
A “Milla pola Paz” enmárcase dentro das actividades que o CPI Castro Baxoi organiza para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, fomentando valores como a cooperación, a inclusión e o respecto. O evento conta co apoio de empresas locais como Gadis, Eroski e Día, e coa participación das Bibliotecas Escolares de Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.