Thursday 30 de January de 2025

O Concello pon en marcha unha campaña de seguridade viaria para usuarios de bicicletas e VMP


A Policía Local ofrecerá información á cidadanía en puntos circulación intensa da cidade

O Concello da Coruña iniciará nos vindeiros días unha campaña a pé de rúa para informar sobre seguridade viaria a persoas usuarias de bicicletas e VMP, con especial atención ás que empregan o servizo municipal de préstamo BiciCoruña. “Esta iniciativa foi un dos compromisos adquiridos pola nosa alcaldesa, Inés Rey, ante a gran expansión e o éxito de BiciCoruña, co obxectivo de que a cidadanía poida facer un uso responsable destes vehículos”, indicou Montserrat Paz, concelleira de Seguridade Cidadá e Interior.

Nos vindeiros días, axentes da Policía Local situaranse en puntos de gran afluencia destes vehículos na cidade para facilitar información sobre a normativa de uso que deben cumplir os usuarios e usuarias e que están recollidas nas normas de uso do sistema de BiciCoruña, xestionado por EMVSA. Trátase dunha campaña informativa que complementará outras accións levadas a cabo desde o Goberno de Inés Rey tanto en centros educativos como en centros cívicos municipais.

As persoas destinatarias recibirán información sobre a importancia de usar casco, a prohibición de empregar a bicicleta ou VMP por máis dun pasaxeiro, circular por beirarrúas e zonas peonís sen baixar do vehículo e respectar as normas de circulación establecidas para todo tipo de vehículos. “Desde o Goberno de Inés Rey levamos desde o ano 2019 fomentando unha mobilidade máis sostible, superando os 50 quilómetros de vías ciclables e ofrecendo á cidadanía alternativas ao coche, que agora buscamos asentar inculcando un uso cívico e axeitado”, sinalou Montserrat Paz.
En canto as normas de BiciCoruña, os axentes incidirán na importancia de facer un uso responsable da bicicleta, co máximo coidado e respecto. Tamén sinalarán que é unha falta grave saír do termo municipal con estes vehículos, así como non depositala nun punto de ancoraxe tras o período de préstamo ou cedela a outra persoa non usuaria.

Deja un comentario