Thursday 30 de January de 2025

A mostra de teatro afeccionado da Pobra despídese no 2 de febreiro con Ibáñez Cabaré


Despois de que se adiase o colofón á mostra de teatro afeccionado da Pobra do Caramiñal por mor da alerta activada polas condicións meteorolóxicas adversas do 26 de xaneiro, xa hai nova data para a última das funcións.

Segundo manifesta a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, “con esta terceira representación chega ao seu fin este ciclo caracterizado por poñer en valor o talento de compañías amateur nas artes escénicas e ofertar actividades culturais á cidadanía durante o inverno; contando co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.”

Teatro das Maniotas, do IES Brión, levará ao Elma a obra Ibáñez Cabaré no domingo, 2 de febreiro, ás 19.00 horas. Aquí introdúcese a historia de Mario Montoro, quen morre á saída do seu traballo no cabaré e todo o mundo está seguro de que foi María, a súa parella. Pero as dúas policías encargadas do caso non se aclaran coas pistas e non son quen de resolve-la investigación. Ao mesmo tempo, os traballadores e traballadoras do cabaré fan as súas pescudas e conviven coa presunta asasina, mentres bailan e cantan cos distintos personaxes que homenaxean ao gran Ibáñez nunha explosión de cor e música.

A entrada é libre ata completa-la cabida da dita instalación municipal.

Deja un comentario