O delegado territorial da Xunta na Coruña participou na clausura do obradoiro de emprego “Tahume II”, compartido por Ribeira e Porto do Son
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiu ao acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Tahume II, concedido pola Xunta aos concellos de Ribeira e Porto do Son.
Durante o acto, ao que asistiron o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, e o de Porto do Son, José Luis Oujo, proxectáronse imaxes dos traballos realizados durante os últimos seis meses polos alumnos participantes nesta actividade formativa.
Así, os asistentes puideron comprobar as actuacións realizadas na especialidade de carpintería e moble no mobiliario urbano para espazos públicos en Ribeira, no mobiliario de madeira para o centro social de Carreira ou no mobiliario de madeira para o conservatorio de Aguiño. En canto ás actividades levadas a cabo en Porto do Son, mostráronse imaxes do equipamento de madeira para espazos públicos, do arranxo de casetas e pasarelas de madeira dos accesos ás praias do concello, ou da fabricación de cadeiras de madeira para tres praias do municipio.
En total, a Xunta investiu 187.064 euros neste obradoiro, no que participaron 21 persoas e que supón, segundo explicou Diego Calvo, unha “grande escola de formación e especialidade”, moi importante á hora de afrontarse ao mercado laboral.