A Xunta da Galiza rexeita destinar fondos europeos a novas prazas nas escolas infantís para así favorecer as gardarías privadas
O BNG de Oleiros levará unha moción a pleno esixindo á Xunta a adecuación das prazas das escolas infantís á demanda existente e así rematar coas listaxes de agarda que imposibilitan a conciliación familiar
As listaxes provisionais do baremo extraordinario de decembro indican que no Concello de Oleiros hai 107 crianzas de 0 a 3 anos que fican en agarda para accederen a unha praza nas 4 escolas infantís públicas do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar (A Pardela, A Canteira, As Galeras e Mera). Isto demostra que existe unha demanda importante de prazas públicas nesta etapa, que o goberno galego se nega a cubrir. Hai que ter en conta a situación de Oleiros, na que unha alta porcentaxe da poboación traballa noutros concellos e busca prazas máis próximas aos seus centros de traballo (maioritariamente, na Coruña) ou das familias extensas, cousa que fai que as listaxes de agarda non sexan máis longas.
Cómpre destacar que o BNG de Oleiros demanda dende hai máis de tres lustros unha nova escola infantil, concretamente na parroquia de Nós, terceira en poboación do noso concello. Existe un compromiso de construción de máis outra escola por parte da Xunta dende a época do bipartito e en 2010 o pleno aprobou ceder un terreo para facela en O Vieiro.
A Xunta de Galiza comunicou no pasado mes de novembro ao Estado que vai devolver 22 millóns de euros procedentes de fondos europeos, correspondentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, destinados á creación de prazas en escolas infantís, que permitirían crear até 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos.
O goberno galego manifestou en diversas ocasións a súa discrepancia coa distribución destes fondos por non poder utilizalos para outros fins, como obras en escolas xa existentes ou para subvencionar centros privados incorporados ao programa de gratuidade que está vixente en Galiza desde o curso 2022-23. Este sistema de gratuidade do goberno galego subvenciona con diñeiro público escolas infantís privadas. Na actualidade, das máis de 30.000 prazas dispoñíbeis en Galiza, máis dunha terceira parte pertencen á rede privada (13.552), outra terceira á pública autonómica (10.142) e case un 20 % aos concellos. De acordo coa FEGAMP, a Xunta de Galiza aboa algo máis de 90 euros mensuais por crianza ás escolas infantís municipais, mentres que as escolas infantís privadas reciben do goberno galego 310 euros por alumno ou alumna.
O Bloque Nacionalista Galego rexeita de pleno a insistencia da Xunta no modelo de gratuidade das escolas privadas, e esixe un reforzo do sistema público, sexa a través do financiamento europeo agora rexeitado polo goberno galego ou por medios propios. Existe unha demanda social de atención pública deste servizo fundamental para a cidadanía.
O Bloque Nacionalista Galego xa rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para demandar ao goberno galego que corrixa esta situación na comarca da Coruña e no Concello de Oleiros elevará unha moción, ao pleno ordinario de xaneiro, esixindo á Xunta a adecuación das prazas das escolas infantís á demanda existente e así rematar coas listaxes de agarda que imposibilitan a conciliación familiar.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.