Monday 27 de January de 2025

María José Gómez salienta a importancia das poxas degando como punto de encontro da calidade para gandeiros e gandeiras


― A titular do departamento lembrou que o Goberno autonómico conta cunha liña de achegas dotada con 150.000 euros para a realización de certames de gando bovino selecto

― Estas celebracións supoñen un incentivo para a recría dos animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das gandarías e posibilitando a súa comercialización

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá á XXIII edición da Poxa de Gando Frisón da localidade coruñesa de Santa Comba, onde puxo en valor a importancia deste tipo de celebracións como “punto de encontro para gandeiros e gandeiras”, que acoden a estes eventos buscando a calidade que caracteriza á cabana gandeira galega.

Dada a súa relevancia, a Consellería do Medio Rural conta cunha liña de achegas específica destinada á realización de certames de gando bovino selecto que, como lembrou a titular do departamento, se publicaron esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia cunha dotación orzamentaria de 150.000 euros.

O obxectivo destas achegas é potenciar estas actividades, xa que supoñen un incentivo para a recría dos animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das gandarías, ademais de posibilitar a súa comercialización e representar un estímulo para a mellora gandeira.

María José Gómez reivindicou tamén a contribución desta poxa á consolidación de Galicia como líder nacional “indiscutible” no sector leiteiro. Lembrou que da nosa comunidade sae arredor do 42% do leite que se produce en España e salientou que se atopa entre as dez primeiras rexións europeas neste eido.

A conselleira fixo tamén referencia a outros apoios postos en marcha polo Goberno autonómico destinados ao sector primario, como son as achegas para plans de mellora de explotacións e para fomentar a remuda xeracional no agro, apoiando a incorporación de novos agricultores, cunha inxección de arredor de 49,5 millóns de euros na convocatoria de 2024. A través destes fondos propiciarase a mellora de 370 explotacións e apoiarase a incorporación de 320 mozos e 133 novos agricultores; acadando un total de 800 expedientes.

Este compromiso maniféstase tamén a través do liderado dos pagos da Política Agraria Común, claves para a sustentabilidade do sector e para mellorar a renda dos gandeiros; ou con iniciativas como o Plan para fomentar a remuda xeracional que se está a elaborar e que se sustentará na formación, a incorporación e a sensibilización para afianzar o futuro do rural galego.

Deja un comentario