Monday 27 de January de 2025

Os traballos de mellora do campo de fútbol municipal da Leyma comezan a semana que vén


Hoxe disputaranse os últimos partidos programados antes de comezar as obras, que contan cun orzamento de 430.000 euros

A vindeira semana comezarán os traballos de mellora do campo de fútbol municipal Víctor Fernández Alonso, coñecido popularmente como a Leyma. Este sábado e domingo dispútanse os últimos encontros programados e será a partir de mañá, luns, cando a empresa adxudicataria, OPSA, comece as obras. Os traballos terán un prazo de execución de tres meses e un orzamento de máis de 430.000 euros. “Con esta actuación o Goberno de Inés Rey segue amosando o seu compromiso co deporte local e os clubs de fútbol da cidade ao levar a cabo unha obra moi demandada polo tecido futbolístico coruñés”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

Os traballos, que arrancan tras a finalización da mellora do campo 1 da Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias, buscan a mellora xeral desta instalación deportiva ao aire libre, onde xa foi renovado recentemente o sistema de iluminación, pasando a ser de tecnoloxía led de baixo consumo, reducindo á metade o gasto enerxético. Nesta ocasión, a actuación proxectada por NAOS consistirá na renovación do céspede artificial e do peche perimetral. A superficie de xogo será renovada por un céspede artificial de última xeración. Tamén se substituirán as porterías de fútbol 11 e fútbol 7, así como as marquesiñas dos bancos. Ademais, tamén se remodelará a rede de rego existente actualmente, que pasará a incorporar un programador automático.

Outra das medidas destacadas será a intervención nos espazos de paso ao edificio dos vestiarios, onde se renovará o firme. A maiores, o plan de obra inclúe a construción dunha rampla á zona de entrada ás bancadas, o que lles facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, o Concello saneará o muro perimetral do campo, e renovaranse tanto o balado sur como as redes perimetrais que evitan a saída de balóns aos espazos exteriores do campo.

Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey continúa a desenvolver o plan de mellora das instalacións deportivas municipais. Nese sentido, moi pronto botará a andar o Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, co que se busca adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e establecer unha folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido.

Deja un comentario