Monday 27 de January de 2025

Lorenzana destaca o apoio da Xunta para reducir a factura eléctrica dos negocios e das empresas do sector servizos


— A conselleira explica que foi beneficiaria do Bono Enerxía Peme o ano pasado e que “é un exemplo da implicación das nosas pemes co aforro enerxético e a sustentabilidade”

— Lembra que o Goberno galego acaba de abrir a quinta convocatoria deste programa de axudas que este ano conta cun orzamento de 2,5M€

— Sinala que en cinco anos, a Administración autonómica leva investidos máis de 13M€ cos que se realizaron 3.100 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o local de hostalería La Urbana na Coruña, onde destacou o apoio que o Goberno galego está a prestar para reducir a factura eléctrica dos negocios e das empresas do sector servizos.

Neste marco, Lorenzana explicou que foi beneficiaria o ano pasado do Bono Enerxía Peme, o que lles permitiu “substituír na zona do público os proxectores de tipo alóxeno por 14 proxectores orientables de 50 W de potencia unitaria”, dixo. “Sodes unha mostra da implicación do noso empresariado co aforro enerxético e a sustentabilidade” subliñou.

A Xunta vén de abrir unha nova convocatoria -a quinta- do Bono Enerxía Peme cun orzamento de 2,5 millóns de euros. “Queremos concienciar á sociedade da importancia do aforro e a eficiencia enerxética, pero tamén diminuír o consumo de enerxía e reducir a factura eléctrica de pemes e autónomos, para aumentar a súa competitividade”, apuntou. Estas axudas están abertas desde o día 17 de xaneiro e poderán solicitarse ata o 25 de xuño.

A previsión é chegar a máis de 600 traballadores e traballadoras autónomas e pemes galegas; e xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano, e económicos de 0,5 M€/ano na factura eléctrica. O investimento mínimo para poder acceder a estas axudas é de 1.000 euros e a intensidade do apoio será do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo.

Ademais, espérase contribuír á redución de emisións de 850 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a plantar 42.800 árbores, así como tamén á creación ou mantemento de 49 postos de traballo.

Finalmente, a conselleira puxo en valor que en cinco anos “levamos investidos máis de 13 millóns de euros” cos que se realizaron máis de 3.100 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía. En definitiva, dixo, “o noso obxectivo é avanzar cara á descarbonización e depender menos dos combustibles fósiles”.

Deja un comentario