Monday 27 de January de 2025

A curtametraxe de promoción turtística da Coruña ‘Ao Noroeste do Oeste’ supera as 250.000 reproducións nas redes sociais


O vídeo creado por Javier Veiga foi unha das sensacións audiovisuais desta edición de Fitur

A curtametraxe ‘Ao Noroeste do Oeste’, encargada polo Concello e o Consorcio de Turismo da Coruña como nova campaña de promoción turística da cidade, supera as 250.000 reproducións tras a súa estrea do pasado martes 21. A ficción dirixida, escrita e protagonizada por Javier Veiga convertese deste xeito nun dos contidos audiovisuais máis virais dos presentados no contexto da celebración da Feira Internacional de Turismo, Fitur 2025.
“Este ano desde o Goberno de Inés Rey quixemos dar unha volta á nosa promoción turística e contar unha peza innovadora e moi diferente ás que fixemos ata o momento e tamén ás que se puideron ver estes días en Ifema”, sinala Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A curtametraxe conta tamén con Xosé A. Touriñán como coprotagonista. Tamén interviñeron na produción como figurantes os hostaleiros do Chafán Bar e El Antiguo, Rafael Varela e Israel Cubillo, a gañadora da categoría absoluta do circuíto Coruña Corre 2024, Inés Papín; a xornalista Lucía Dávila, o músico e artista Marcos Viascón e os membros da agrupación Pantaleón Consuelo Roque e Xosé Lois Cortés.

A primeira hora deste sábado, o número total de reproducións da curtametraxe nas diferentes redes sociais do Concello é de máis de 250.000. O vídeo converteuse no máis reproducido da historia da canle de YouTube do Concello unhas poucas horas despois da súa publicación, superando a día de hoxe as 136.000 reproducións e un total de máis de 5.000 horas de visualización por parte das persoas usuarias.
A audiencia procede maioritariamente de España, mais tamén de países como Arxentina, Estados Unidos, Reino Unido ou Suíza, territorios cun gran número residentes de orixecoruñesa e galega. Por cidades, A Coruña, Vigo, Madrid, Barcelona e Santiago é onde máis se reproduciu o vídeo, con Londres, Montevideo e Cidade de México como principais urbes estranxeiras.

En canto ao resto de redes sociais as cifras tamén reflicten o éxito da curtametraxe de Javier Veiga. En Instagram a súa versión reducida dun minuto acumula máis de 87.000 visualizacións e case 2.000 “gústame”. En X, pola súa banda, a curtametraxe chegou ás 16.000 reproducións, tamén na súa versión reducida. Ademais, a ficción promocionouse nas pantallas xigantes da praza de Callao e a Gran Vía de Madrid durante a semana na que se celebrou Fitur e foi recollida con numerosos medios, tanto locais como nacionais.

Deja un comentario