Os actos comezarán este luns pola mañá na praza do Tebeo, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional en Recordo das Vítimas do Holocausto
O Concello e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) porán en marcha este luns 27 os actos conmemorativos previstos polo Día Internacional en Recordo das Vítimas do Holocausto, na que o Goberno de Inés Rey e a ARMH lembrarán aos coruñeses deportados aos campos de concentración nazis coa colocación de dez novos ‘stolpersteine’, lastras de bronce ideadas para plasmar, nas beirarrúas, a biografía e memorias das vítimas do nazismo.
A Coruña foi, o ano pasado, o primeiro municipio galego en sumarse a este proxecto global que xa está presente en máis de 25 países, con máis de 100.000 réplicas. Desde o 2023, sete delas están precisamente en rúas da cidade herculina, rendendo homenaxe a Julio Martínez Arias, Leopoldo López Criado, Luis Rafales Lamarca, Eduardo Sánchez García, Adrián del Castillo, Arturo García Lagares e Juan González del Valle, asasinados en campos de concentración como Hartheim ou Gusen nos anos da II Guerra Mundial.
Agora, serán outros dez deportados coruñeses os que, nos vindeiros días, contarán coa súa lastra de bronce preto dos seus antigos fogares, situados en barrios como Catro Camiños, Os Mallos, Zalaeta, Monte Alto, a Pescaría e a Cidade Escolar.
A primeira quenda de actos arrincará o luns ás 10.30 horas na praza do Tebeo, punto de partida dun percorrido que levará á inauguración do ‘stolpersteine’ en lembranza de Víctor San Miguel Prado ante o número 134 da avenida Fernández Latorre.
Xa posteriormente, haberá actos inaugurais ante as lastras de Víctor Manuel Conde Núñez, no número 5 da rúa Cabana; de Martín Ferreiro Álvarez, no número 3 da rúa Mariscal Pardo de Cela; e de Adolfo Bregua Mouriño, no número 98 da avenida dos Mallos.
Ademais, entre o mércores 29 e o venres 31 inauguraranse as lastras de Clemente Juan de la Cruz García e José Albedro Villaverde, en Zalaeta e o paseo de Rolda. Tamén contarán coas súas Manuel Fernández Tarragó, Francisco Tallón Charlón, Enrique Tallón Charlón e José Martínez Cacheiro, nas rúas da Torre, A Franxa e as Xubias de Abaixo, respectivamente.
Familiares dos deportados, entre as persoas presentes nos actos deste luns
A ruta prevista este luns para a colocación dos novos ‘stolpersteine’ arrincará na praza do Tebeo coa participación das e dos representantes do Goberno municipal, así como da voceira da ARMH en Galicia, Carmen García-Rodeja. Na inauguración da primeira lastra, a de Víctor San Miguel Prado, estarán presentes o poeta Xulio Valcárcel.
Ademais, familiares dos deportados estarán presentes nas diversas homenaxes que terán lugar o luns e tamén ao longo da semana, nos que cobrarán protagonismo referentes culturais como Sol Mariño, Xavier Seoane, Emma Pedreira e Raúl Galego.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.