O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas na comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité das Rexións
A caída dos prezos dos produtos lácteos, que afecta de xeito preocupante aos gandeiros galegos, así como as posibilidades de regulación no actual escenario sen cotas, ocupou boa parte da última reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT), do Comité das Rexións, na que Galicia participa a través do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. Os membros de NAT debateron co presidente da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, o polaco Czeslaw Adam Siekierski, sobre a volatilidade que afecta aos prezos do leite, unha ocasión que Gamallo aproveitou para pedir medidas que lles garantan un prezo digno aos gandeiros e máis regulación dos mercados lácteos.
Gamallo defendeu na súa intervención ante o Comité das Rexións as singularidades de Galicia como primeira rexión produtora de leite de España e novena no conxunto da Unión Europea. “Galicia debe ter un peso específico nas negociacións relacionadas co sector lácteo e a súa voz debe ser escoitada”, manifestou. Gamallo insistiu tamén en que o sector lácteo galego “é competitivo, xa que nos últimos anos a súa produción incrementouse nun 15,9 por cento” e avogou por un incremento temporal dos prezos de intervención do leite en pó para incentivar a súa retirada do mercado.
A semana pasada era a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, a que se reunía en Bruxelas cos directores de Desenvolvemento Rural e Mercados da Comisión Europea para transmitirlles a necesidade de regular o mercado e garantir a transparencia en todas as fases da cadea. Entre as propostas debatidas na comisión para avanzar neste ámbito, proponse unha mellora da información aportada polo Observatorio do Mercado Lácteo Europeo mediante a desagregación dos datos por rexións e a referencia ao leite estandarizado para poder comparar de xeito exacto volumes e prezos. A reunión do equipo de NAT constituíu unha nova ocasión para o intercambio de posturas sobre un sector que asiste a unha redución acusada de prezos nos mercados mundiais -un 28,5 por cento en 2015-, á liberalización consecuencia da fin das cotas lácteas e ao incremento de oferta no contexto do embargo ruso e a diminución da demanda chinesa.
Futuro da política de desenvolvemento rural
A situación do lácteo non foi a único punto vinculado ao medio rural que se tratou no debate. Ademais da simplificación e da distribución máis equitativa das axudas da Política Agraria Común cara formas de agricultura máis diversificadas, a Comisión NAT quere que se recoñeza explicitamente aos territorios rurais como polos de desenvolvemento e innovación e, sobre todo, que os territorios rurais, nos que vive o 60 por cento da poboación comunitaria, teñan unha presenza destacada na programación posterior a 2020. O Comité das Rexións apoiou no pleno celebrado en febreiro un ditame que apoia a elaboración dun Libro Branco sobre a Ruralidade.
En canto ao marco financeiro plurianual (MFP), que a Comisión Europea vai revisar neste 2016, a asemblea de representantes rexionais e locais piden, entre outras demandas, un aumento do orzamento do FEADER, orientado a promover a inclusión social e o desenvolvemento económico nas zonas rurais, e ao desenvolvemento local.
O presidente da comisión de Agricultura tamén lle prestou atención na súa alocución fronte aos representantes locais e rexionais ás negociacións de acordo de libre comercio entre a UE e Estados Unidos, o TTIP, e ás consecuencias que a acordo pode ter na sector agrario europeo e na lexislación sanitaria que lle afecta.
Ditame sobre a acuicultura europea
A reunión da comisión NAT aprobou tamén a inclusión do ditame O futuro da acuicultura europea, liderado por Galicia, no informe de impacto do Comité das Rexións en 2015. Estes informes destacan os textos aprobados pola asemblea de representantes locais e rexionais que teñen maior repercusión na fixación de políticas comunitarias.
Desperdicio de alimentos
Ademais do debate sobre desenvolvemento rural, a comisión levou na orde do día un documento de traballo sobre desperdicio de alimentos, un problema que se dá en todas as fases da cadea de produción e que socava o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento económico, social e medioambiental. O texto avoga por afinar as ferramentas para reducir a perda de alimentos nun 30 por cento de aquí a 2025, así como que os entes locais e rexionais, responsables da xestión de residuos, impulsen a recollida selectiva e o reciclaxe cara a elaboración de biogás ou compost. O documento sinala, entre outros puntos negros, o desperdicio de comida nos cambio de envasado ou nas etiquetas de caducidade. O debate foi seguido dunha mesa redonda na que participou Vytenis Andriukaitis, comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, coa exposición das propostas da Comisión Europea para atallar este problema no novo paquete sobre economía circular.
A Comisión NAT do Comité das Rexións europeo
Neste mandato, Galicia participa en dúas comisións do Comité das Rexións (CdR). Unha delas é a de Recursos Naturais (NAT), que traballa en asuntos como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural ou a pesca.
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.