Friday 24 de January de 2025

Inés Rey fai entrega a Ricardo F. Colmenero do LXXXIV Premio Pérez Lugín da Asociación da Prensa da Coruña


“Este premio é unha ventá á reflexión constante, centrada no xornalismo pero con luces longas, moi necesarias nestes tempos acelerados”, sinalou a alcaldesa

O xornalista ourensán recibe esta distinción polo seu texto ‘El grillo gigante’

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo entrega a Ricardo F. Colmenero do LXXXIV Premio Alejandro Pérez Lugín, que concede a Asociación da Prensa da Coruña e promove o Concello. No acto, celebrado no salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita, tamén participou a presidenta da APC, Doda Vázquez.

Nesta edición o xurado decidiu que o texto do xornalista ourensán ‘El grillo gigante’ foi o gañador. Durante o acto, Inés Rey destacou que o premio, que é un dos máis antigos de España, “non só é que estea establecido como unha referencia imprescindible, senón que tamén conforma unha ventá á reflexión constante, centrada no xornalismo pero, por suposto, con mirada de luces longas, tan necesaria nestes tempos acelerados”. O galardón estivo dedicado á radio no ano que se celebra o seu centenario. Así mesmo, tamén se celebra o 120 aniversario da Asociación da Prensa da Coruña, coa que o Concello colabora en diferentes iniciativas para difundir a súa actividade.
“A radio, á que se lle adica este año o Pérez Lugín, é a mostra perfecta de que, en contra do que parecen indicar os tempos, a inmediatez e o rigor son perfectamente compatibles”, apuntou a alcaldesa.
Ricardo Fernández Colmenero (Ourense, 1977) é licenciado en Xornalismo pola Universidade de Navarra. Redactor do diario ‘El Mundo’ é tamén columnista da revista ‘GQ’ ademais de tertuliano habitual na Radio Galega e Radio Marca. En 2018 recibiu o PremioJulio Camba. Como escritor, publicou a recompilación de textos autobiográficos ‘Literatura infiel’ e o ensaio ‘Los penúltimos días de Escohotado’.

Os traballos recibidos foron valorados polo xurado, conformado pola xunta directiva da APC, con Doda Vázquez, Amalia Baltar, Luisa López, Gabriel Barrós, María Salorio, Gemma Castiñeira, Noela Rey e Miguel Gómez Longo; Eduardo Eiroa, en representación do Concello da Coruña, e o xornalista Toni Silva, gañador da edición anterior. Xunto a eles, nesta ocasión, tamén estiveron representantes de diversas emisoras da Coruña, como Yolanda López (Radio Galega), Maite González (Radio Coruña), Xosé Manuel García (RNE), Ángeles San Luis (Onda Cero), Antía Díaz (Radiovoz), Eva Iglesias (COPE) e Amparo Ginés (Intercoruña).

Historial do Pérez Lugín

En 2024, o Premio Pérez Lugín alcanzou a súa edición número 84. En 1936, a viúva do xenial escritor de ‘La Casa de la Troya’ creou unha fundación co nome do seu marido, dotándoa dun capital, depositado no Banco Pastor, con cuxos intereses debería conceder se o premio, segundo rezaba textualmente “ao mellor traballo literario que se presente sobre un tema de Galicia, enxalzando a mesma”. Posteriormente, no 1941, creouse o premio e o gañador da primeira edición foi Eduardo Pérez Hervada. Desde entón, obtivérono destacados xornalistas e escritores. A listaxe inclúe a Ezequiel Pérez Montes (1963), Emilio Quesada (1964) ou Ángel Padín (1999).

Nos últimos anos, os gañadores foron Rodri Suárez (2019), Suso Martínez (2020), Javier Quintana (en 2021, aínda que tamén o gañou en 2009), Xavier Lama (2022) e Toni Silva (2023). A primeira muller galardoada co Pérez Lugín foi Mercedes Modroño (1989), á que sucederon Cristina Amenedo (1995), Lola Roel (1996) e María del Rosario Martínez (2007).

Deja un comentario