Friday 24 de January de 2025

Ponteceso inaugura a Casa do Maior do Couto


Ao acto asistiron o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez.

A posta en marcha desta nova infraestrutura permite ampliar as prazas de atención diúrna no municipio ata un total de 10.

A parroquia do Couto xa ten Casa do Maior. Hoxe inaugurouse esta nova infraestrutura, fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas maiores do municipio. O acto contou coa presenza do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, do alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez.

A posta en marcha desta nova Casa do Maior permite ampliar as prazas de atención diúrna no municipio ata un total de 10, o que supón un reforzo na cobertura das necesidades da poboación de idade avanzada. Este incremento facilitará un apoio máis próximo e personalizado ás persoas que precisan atención, ao tempo que ofrece ás súas familias unha maior facilidade para conciliar a vida laboral e familiar.

O rexedor pontecesán destacou a relevancia desta inauguración, xa que, coa nova Casa do Maior do Couto “seguimos avanzando na creación dun municipio con máis e mellores servizos para a veciñanza. O noso obxectivo é garantir que as persoas maiores reciban a atención que merecen, nunha contorna próxima e familiar, onde se sintan acompañadas e valoradas. Estamos moi agradecidos á Xunta pola súa colaboración e compromiso, e seguiremos presentando proxectos nas vindeiras convocatorias para continuar mellorando a vida da nosa xente”.

Tras o acto inaugural, Acevedo e Mato reuníronse para abordar cuestións relacionadas coas políticas de atención ás persoas maiores. Durante o encontro, avaliáronse posibles iniciativas para continuar ampliando servizos no futuro. Tamén se tratou o tema das futuras convocatorias de Casas do Maior co obxectivo de seguir reforzando a atención e sumando novos recursos que garantan un envellecemento activo e digno a toda a poboación.

A nova Casa do Maior do Couto súmase á residencia xa existente no concello, consolidando a Ponteceso como un exemplo de compromiso cos maiores e coa súa calidade de vida. Esta infraestrutura é unha mostra máis do traballo conxunto entre o Concello e a Xunta para responder ás necesidades sociais e ofrecer servizos de proximidade que melloren o día a día dos veciños e veciñas.

Deja un comentario