Madrid acolle nestes días o evento de referencia do sector turístico: a Feria Internacional de Turismo (Fitur) 2025.
Nesta feira estivo presente novamente a Mancomunidade Barbanza Arousa (integrada polos municipios da Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro e Rianxo) coa finalidade de presentar o xeodestino baixo o lema Siempre querremos volver; centrado na fidelización do visitante e a oferta de desconexión da rutina os 365 días do ano, potenciando a marca conxunta. Proxectouse así un novo audiovisual que contou coa asistencia de representantes políticos dos distintos concellos e coa intervención de diferentes autoridades no eido turístico.
O Concello da Pobra do Caramiñal aproveitou tamén a ocasión para nutrir a súa estratexia turística. Neste senso, a concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, cualifica como “enriquecedora” esta estadía ao “coñece-los produtos e modelos turísticos doutros destinos, ademais de ser unha excelente oportunidade para avaliar futuros proxectos e a incorporación de novas actividades acordes á nosa estratexia municipal encamiñada a un turismo sostible. Tamén é interesante a implantación das novas tecnoloxías que aportan un valor engadido e diferencial nas viaxes. En definitiva, isto permítenos ter unha mellor perspectiva do sector e que, como Administración local, nos actualicemos tendo en conta as novidades e as tendencias a nivel nacional e internacional.”
Reforzouse, ademais, a presenza da localidade nesta cita líder do sector mediante material divulgativo ao dispor das persoas visitantes para que coñezan a oferta turística.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.