Sunday 26 de January de 2025

O proxecto Coruña Marítima prima os espazos públicos, as zonas verdes e os usos cidadan para a transformación do porto interior 


A Comisión Coruña Marítima aprobou as Bases estratéxicas do Máster Plan, que pivotan sobre a sustentabilidade, o medio ambiente, a mellora da calidade urbana, a transparencia e a participación das e dos coruñeses

Propóñense novos equipamentos e solucións de mobilidade que melloren a conectividade da cidade e as dotacións dos barrios limítrofes

O futuro porto interior será máis verde e eficiente, cun reforzo das infraestruturas da pesca que favoreza e potencie as actividades de venda e transformación

En febreiro e marzo realizaranse obradoiros cos axentes sociais co obxectivo de que as achegas das e dos coruñeses enriquezan o Máster Plan

Un proxecto para mellorar a cidade e o ámbito portuario, con predominio dos espazos públicos, as zonas verdes e o contacto coa auga, que resolva os déficits en equipamentos e mobilidade, con carácter coruñés, focalizado na sustentabilidade e con participación directa da cidadanía.
Estes son os eixes sobre os que xiran as Bases estratéxicas do proxecto Coruña Marítima, que foron aprobadas esta mañá na reunión da Comisión Coruña Marítima.

A reunión tivo lugar na sede da Autoridade Portuaria, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e coa asistencia de representantes das seis administracións que participan no proxecto: o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a entidade pública empresarial Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o organismo público Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña, ademais dos/as representantes dos grupos políticos municipais: Partido Popular, PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego.
As bases estratéxicas son o resultado de varios meses de intenso traballo dun equipo formado por persoal técnico das seis administracións, co apoio dunha oficina técnica externa. Analizáronse as necesidades portuarias, ferroviarias, ambientais e cidadás, con alcance metropolitano, e tivéronse en consideración as achegas da comisión municipal da fachada marítima, para chegar a un documento que é o punto de partida para a convocatoria dun concurso internacional multidisciplinar para o deseño do Máster Plan Coruña Marítima, sobre o que se desenvolverá nas próximas décadas a transformación dos espazos do porto interior da Coruña.

Documento flexible

O Máster Plan concíbese, en todo caso, como un documento aberto, flexible, o punto de partida dun proxecto que poderá ser adaptado ao longo dos próximos anos ás necesidades que se detecten para a mellora dos espazos nos que se intervirá.
As bases estratéxicas propoñen que a maior parte do ámbito sexa dedicada a usos cidadáns e públicos, cun proxecto ambicioso que achegue valor e calidade urbana, que reflicta a alma da Coruña e que sirva para compensar as carencias da cidade.
Así, proponse construír zonas verdes e equipamentos públicos que compensen os déficits que se identifiquen na cidade e especialmente nos barrios limítrofes, e, de forma destacada, incídese na mellora da mobilidade na Coruña e na súa conexión coa área metropolitana, reorganizando os accesos ao centro urbano cun modelo sostible que favoreza a mobilidade sostible, ciclista e peonil.

A auga, peza esencial

Incídese, así mesmo, en situar a auga como un elemento que articule o espazo e que se converta nunha peza esencial da paisaxe, favorecendo o acceso dos cidadáns e cidadás ao mar. Valoraranse as opcións de utilización da lámina de auga para acoller actividades culturais, deportivas e recreativas, explotando o seu potencial como elemento de comunicación e entretemento.
No ámbito portuario, recóllese que calquera transformación debe pasar por mellorar e reforzar as condicións do porto interior, construíndo un porto máis eficiente e sostible. Ademais de seguir fomentando a náutica, os cruceiros e as mercadorías que permanezan no porto interior, dedícaselle un amplo apartado ao sector pesqueiro.
A importancia da pesca
“Se existe unha actividade que está imbricada historicamente na sociedade coruñesa e que marcou a súa cultura e esencia é, sen dúbida, a pesca: a pesca e “O Muro”, como se coñece a súa lonxa, son a alma da Coruña e do seu porto. O impacto cultural, social e de emprego desta actividade excede o moi importante impacto económico (un gran número de familias coruñesas teñen relación directa ou indirecta con este sector). O Máster Plan non só debe darlles resposta a todas as necesidades operativas da industria pesqueira, senón que debe facer un esforzo para que a cidade a siga tendo presente como un dos elementos máis importantes da súa identidade cultural”, segundo o documento.
A pesca é un sector esencial do porto da Coruña. De feito, o porto é líder a nivel nacional en volume de descargas de peixe fresco e marisco. Por iso, calquera reordenación que se propoña debe supor unha mellora dos equipamentos, as infraestruturas e a capacidade operativa de toda a cadea de valor da venda, transformación e distribución dos produtos pesqueiros, contando coas opinións e achegas dos profesionais do sector.
Conectividade ferroviaria

No que respecta ao aspecto ferroviario, indícase que, dado o traslado xa acordado da estación de mercadorías de San Diego, debe manterse a conectividade ferroviaria nas dársenas do porto interior que continúen con actividades portuarias, tendo en conta da importancia de favorecer a intermodalidade dos tráficos. Así mesmo, recóllese o uso da rede portuaria actual para o tráfico de pasaxeiros, e cítase a necesidade de habilitar unha nova estación de mercadorías na contorna da Coruña, para o que o Ministerio de Transportes xa iniciou o estudo informativo.

De forma transversal a toda a intervención, as Bases estratéxicas do Máster Plan dedican un extenso capítulo á innovación, a atracción de talento e a sustentabilidade, na súa visión máis ampla. Os espazos públicos, o urbanismo e as edificacións deberán contar con altos estándares de eficiencia enerxética, utilización de enerxías renovables, xestión de residuos, plantación de vexetación autóctona, redución de consumo de auga, redución de pegada de carbono, respecto á biodiversidade terrestre e mariña, e renaturalización dos espazos, entre outros moitos factores.

Vivendas sostibles e accesibles

A esixencia de innovación e sustentabilidade aplicarase especialmente aos usos residenciais, cunha disposición das parcelas e unha elección de tipoloxías edificatorias que conflúan na creación dun barrio sostible con espazos saudables que fomenten a relación social, a atención a grupos vulnerables ou a accesibilidade universal. A intensidade do uso residencial, a porcentaxe de vivendas públicas e as características concretas dos edificios serán definidos no futuro, máis aló das disposicións iniciais que trace o Máster Plan.

Esixirase tamén a protección e posta en valor do patrimonio histórico, industrial e arqueolóxico de todo o ámbito, propoñendo novos usos aos bens protexidos e a aqueles que, a pesar de non estaren catalogados, contribúan a preservar a identidade e o carácter industrial e portuario, potenciando os valores paisaxísticos do lugar. Faise referencia á antiga Lonxa do Gran Sol, os edificios de exportadores, silos de cemento, etcétera.

Participación cidadá

Tras a aprobación das Bases estratéxicas pola Comisión Coruña Marítima, durante os meses de febreiro e marzo poñerase en marcha un proceso de participación cidadá, coa finalidade de que a sociedade coruñesa poida realizar suxestións e achegas ás Bases estratéxicas do Máster Plan. Desde a mesma firma do protocolo Coruña Marítima, o 22 de maio de 2024, considerouse que a transparencia e o acceso público á información son un elemento fundamental de todo o proceso, xa que a transformación dos espazos portuarios debe estar aberta ás expectativas, necesidades e percepcións das cidadás e dos cidadáns.

A participación cidadá articularase fundamentalmente mediante obradoiros e actividades que abordarán aspectos como os usos cidadáns e equipamentos; tráficos portuarios pesqueiros e comerciais; transporte e mobilidade; obxectivos ambientais; e xestión e gobernanza.

Estes obradoiros, que constituirán o Foro Coruña Marítima, contarán coa participación de especialistas locais e estarán abertos a asociacións, colexios profesionais, administracións, fundacións, partidos políticos, axentes sociais e colectivos cidadáns, ademais das empresas e os/as traballadores/as portuarios/as.
Así mesmo, nos próximos días habilitarase unha páxina web propia de Coruña Marítima, na que estarán dispoñibles os documentos do proxecto e que terá unha caixa de correos de suxestións aberta a toda a cidadanía.

Concurso internacional

Tras realizar este Foro Coruña Marítima, prevese convocar en abril o concurso internacional para a adxudicación do Máster Plan. Ao concurso poderanse presentar todos os equipos e empresas que o desexen, tendo en conta que, polo alcance da intervención, deberán ter un carácter multidisciplinar, ao requirir a participación de profesionais da enxeñería, arquitectura, urbanismo, medio ambiente e outros campos afíns.

A Comisión Coruña Marítima seleccionará nun primeiro momento un máximo de cinco licitantes e, tras un proceso de análise e contraste de cada proposta, adxudicaralle a redacción do Máster Plan ao equipo mellor valorado. Prevese que este documento estea finalizado en 2027.
A partir de aí, desenvolveranse por fases as intervencións sobre o terreo, aínda que, dada a extensión global do ámbito e a execución do proxecto ao longo dun marco temporal moi amplo, as directrices do Máster Plan poderán ser modificadas e axustadas ás demandas que a sociedade expoña en cada momento e aos novos obxectivos que se necesiten alcanzar, tal como ocorre noutros proxectos desta envergadura que se puxeron en marcha nas grandes cidades portuarias de toda Europa.

Deja un comentario