• A Reserva acorda en FITUR potenciar a colaboración co Club de Ecoturismo de España. Mariñas Coruñesas candidata a ser o exemplo español no Foro Mundial do Sector.
• As empresas do territorio contarán cunha tutorización para integrarse na plataforma Son Ecoturista e poder comercializar os seus produtos e experiencias por internet.
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas é recoñecida polo Club de Ecoturismo de España, entidade estatal que canaliza o sector, polas súas boas prácticas. Por iso, o seu modelo de funcionamento poderá levar ao foro mundial do ecoturismo, principal evento do sector a nivel global
No marco de FITUR, a delegación da Reserva mantivo un encontro co Club de Ecoturismo de España na que se acordou unha folla de roteiro conxunto para a cita, que se celebrará no mes de outubro en Barcelona. O presidente de Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso, reuniuse con Ana Chairo, presidenta do Club, para definir a colaboración para realizar. Tamén estiveron presentes os xerentes das dúas entidades, Diego López e Amanda Guzmán, respectivamente.
O Club de Ecoturismo distinguiu a Mariñas Coruñesas como exemplo no ámbito da colaboración público-privada e na compensación da pegada turística. “É o primeiro Destino de Ecoturismo español que está a traballar na creación dunha bolsa de proxectos ambientais e de uso público para os veciños/as dos seus 17 concellos”, destacaron as representantes da entidade.
O obxectivo que se persegue é que este modelo turístico contribúa a mellorar o espazo visitado: a través de proxectos de compensación da pegada de carbono, a mellora paisaxística, patrimonial e da biodiversidade, a loita contra as especies exóticas invasoras, o fortalecemento da educación ambiental, e por suposto, permitirá a recuperación de espazos degradados para toda a poboación local.
As boas prácticas recoñecidas á Reserva poderíanse levar ao Foro como exemplo a nivel España. No encontro avaliaranse as dúas décadas transcorridas desde a Convención de Quebec e abordaranse os retos actuais do ecoturismo para planificar os próximos 10 anos.
“Estamos orgullosos de que o traballo desta Reserva tan nova xa teña o recoñecemento do sector a nivel nacional e internacional e queremos ser partícipes do desenvolvemento do ecoturismo como estratexia global”, sinala Santiso. O presidente reafírmase en que “é posible un turismo diferente, sen masificacións, en sintonía co medio ambiente e que sirva de mellora da contorna a nivel local”.
Formación para empresas da Reserva
No encontro entre a Reserva e o Club de Ecoturismo de España tamén se acordou unha colaboración para formar ás empresas turísticas do territorio certificadas na marca para favorecer a súa integración na plataforma de comercialización de produtos e experiencias que dispón Son Ecoturista. Trátase dunha ferramenta dixital moi potente para impulsar o destino.
Esta colaboración incluirá unha tutorización para as empresas interesadas, dentro do programa anual de formación en calidade que realiza Mariñas Coruñesas. “A plataforma supón unha vía idónea para desestacionalizar o turismo e para que as empresas locais obteñan un retorno económico real”, explica Santiso.
O presidente entregou ás representantes da entidade estatal a nova Guía de Excelencia de Ecoturismo de Mariñas Coruñesas. A presidenta recoñeceu o resultado da publicación porque é a primeira que unha entidade realiza en España, polo que será referente para que outros destinos de ecoturismo poidan seguir este modelo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.