Monday 27 de January de 2025

A pesar das ameazas nas redes, o público ateiga a libraría Couceiro no acto de lanzamento de Vidas e historias LGBT da Idade Media


Carlos Callón, autor: “As sombras avanzan no mundo, mais aquí ninguén solta a man de ninguén”

Daniela Ferrández, profesora de Historia na USC: “Por cada ameaza ou insulto hai deceas de persoas dispostas a encher os espazos e alzar a voz para dicir que non imos voltar atrás e que non imos deixar de investigar”

Presentouse nunha libraría Couceiro de Santiago de Compostela ateigada de público o libro Vidas e historias LGBT da Idade Media, unha obra publicada por Edicións Xerais que acumulou insultos e ameazas desde días antes da súa chegada ás rúas. Ademais de fortes inxurias homofóbicas e transfóbicas, producíronse varias intimidacións (en especial, a través da rede social X) advertindo que non permitirían que se realizase ningún acto de presentación. Cando Carlos Callón lembrou onte estes amedrontamentos e agradeceu a “calorosa presenza” de todas as persoas congregadas, o público respondeu cun forte aplauso.

O autor puxo en diálogo este seu último título co anterior, O libro negro da lingua galega, tamén editado en Xerais. “Aínda que son de temas diferentes, están ligados porque ambos falan de ángulos da diversidade humana, e tamén os unen os ataques recibidos por quen queren que exista unha humanidade clónica, quen senten arrepíos pola pluralidade”, indicou. “Mais, fronte a tanta mentira e tanto negacionismo da Historia, cómpre militarmos na defensa dun coñecemento fidedigno do pasado e da convivencia no presente”.

“Temos o corazón nun puño por un mundo onde avanzan as sombras, aínda moito máis desde esta semana, mais aquí ninguén solta a man de ninguén”, dixo en canto todo o público se puña de pé e finalizaba o acto de mans dadas. “Mais, ollo, que no planeta se estendan as tebras non quere dicir que isto sexa algo definitivo. A Historia sabe dar tamén boas sorpresas, mais esas sorpresas temos que sachalas. Fagámolo!”, concluíu.

O acto presentouno Daniela Ferrández, profesora de Historia na USC e autora tamén do premiado libro A defunción dos sexos (2022), quen lembrou que “os gardiáns da norma patriarcal obviaron e adulteraron todos estes rastros de diversidade e disidencia, para nos contaren a historia como un bloque monolítico onde só se concibiu un xeito de ser persoa”. “Dicían que o libro non ía poder nin presentarse, mais por cada ameaza, insulto ou comentario violento hai deceas de persoas dispostas a encher os espazos e alzar a voz para dicir que non imos voltar atrás e non imos deixar de investigar”, sinalou, enfatizando a importancia de “defendermos máis que nunca unha investigación libre e sen censura”. Ademais, convidou a que exista un “debate serio, feito desde o respecto e o rigor de coñecer”.

O autor tamén fixo un repaso a algunhas das “vidas e historias” que figuran no libro, como o casamento entre Pedro Díaz e Munio Vandílaz no século XI en Santa María de Ordes (Rairiz de Veiga), nun documento solemne en que unen as súas vidas “todos os días e todas as noites, para sempre”; a lápida descuberta en Taragoña e os motivos que nos levan a pensar que os homes Urso e Rufino que nela aparecen era amantes; a cantiga de amiga modificada polos editores, mudando os pronomes femininos en masculinos para que non se vise que era unha relación lésbica; a información que nos dan as crónicas e as cantigas satíricas sobre o relacionamento que tiveron no século XIII o adiantado maior do reino de Galiza e o adiantado maior do reino de León, ambos enfrontados a Afonso o Sabio; as historias de “santo atrevimento” trans que se copiaban nos conventos de Galiza e Portugal, entre os cales se destaca no libro o caso de santo Esmarado (canonizado no seu momento co nome de nacemento, que era Eufrosina); o caso da parella de mulleres Sancha Pérez e María Leve, que viviron na rúa da Moeda Vella de Santiago de Compostela (e que teñen unha placa no lugar, grazas á petición no seu día realizada polo autor, e que se aprobou en sesión plenaria do Concello), entre outras “vidas e historias que aínda hoxe nos apelan, que aínda hoxe nos explican”.

Deja un comentario