Impulsadas por estas axudas, cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros, en 2015 puxéronse en marcha 23 novas actividades económicas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e os seus cónxuxes, para o ano 2016.
Estas subvencións, cun orzamento global de cento cincuenta mil euros e un tope máximo de 8.000 euros por solicitude (no caso de muller, menor de 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa), son compatibles e complementarias coas axudas establecidas -para tódalas fases de emprendemento- para a poboación galega xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria -tanto a través da Secretaría Xeral de Emprego coma do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)- e tamén as doutras administracións e entidades privadas.
Un dos aspectos máis salientables destas axudas é que, ademais de garantir o autoemprego para a persoa retornada, implican na maioría dos casos a creación ou consolidación de empregos directos e indirectos na localidade onde se implanta a nova empresa. Xéranse por tanto non só novos postos de traballo, senón maior mobilidade financeira local, e axúdase ao pulo da economía da zona. Asemade, axúdase a recuperar poboación para a Galicia territorial e, nalgúns casos, a fixala en territorios con descenso demográfico.
“As axudas que puxemos en marcha para o retorno emprendedor están a demostrar que a vontade dos galegos do Exterior cando volven á súa terra é seguir axudando ao seu progreso e desenvolvemento económico. Moitas destas iniciativas supoñen para eles unha segunda oportunidade, con maiores e mellores coñecementos, e para nós, os residentes na Galicia territorial, supoñen un balón de osíxeno fundamental nas microeconomías locais”, asegura o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.
23 novas empresas
Estas achegas axudaron o pasado ano 2015 a poñer en marcha 23 novas actividades económicas por parte de galegas e galegos do Exterior que retornaron á terra, algunhas delas innovadoras, coma unha pizzería-ludoteca, ou un local especializado en té. Abriron ademais as súas portas negocios como estudio de arquitectura, comercio téxtil, de calzado, perruquería, cantería, xestoría, xoiería, ou ximnasio, entre outros.
Por localidades, once das actividades iniciáronse na provincia da Coruña (4 na capital provincial, 3 en Santiago, 1 en Narón, 1 en Camariñas, 1 en Fisterra, e 1 en Arteixo), seis na de Pontevedra (2 en Lalín e cadansúa en Sanxenxo, Cangas, Vigo, e a capital provincial), outras catro en Ourense (todas na cidade das Burgas), e dúas en Lugo (1 en Vilalba e 1 na capital).
O éxito paulatino da iniciativa do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, pioneira nesta lexislatura, levou ao seu incremento orzamentario en 2016 nun 50%, ata acadar os 150.000 euros.
Obxectos de subvención
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas ben como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, tributos, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, gas, electricidade, telefonía e internet).
A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outros 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.
Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta no réxime da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 31 de agosto.