Friday 24 de January de 2025

O Concello de San Sadurniño negocia en Madrid apoio económico para novas actuacións no castelo de Naraío e na parte municipal do convento do Rosario


O alcalde de San Sadurniño e máis a concelleira de Cultura participan estes días en FITUR nas actividades promocionais do Xeoparque de Cabo Ortegal e noutros eventos que ofrece a feira, auténtico escaparate das tendencias e as estratexias aplicadas ao turismo. Porén, Secundino García Casal e Araceli Bellas Castro tamén aproveitaron a estadía en Madrid para manter xuntanzas coa Casa de Alba e con responsables de patrimonio do Ministerio de Cultura, no primeiro caso para renovar a cesión do castelo de Naraío e no segundo para xestionar fondos do 2% Cultural de cara ao 2025, co obxectivo de acometer novas actuacións de consolidación e investigación no castelo e de reparar a ala norte do convento do Rosario, que acubilla a Casa da Xuventude e as dependencias da Garda Civil. O investimento necesario para ambas intervencións estímase en 1 millón de euros.

Durante a mañá, Secundino García e Araceli Bellas mantiveron un encontro con Emilio Ramírez, un dos avogados da Fundación Casa de Alba, de cara a negociar a prórroga do actual convenio de cesión do castelo de Naraío, asinado en 2005 por un período de 30 anos.

Malia que aínda faltan cinco anos para que o acordo expire, a intención do Concello é prorrogalo xa mesmo e por un tempo maior, coa finalidade de poder concorrer as axudas do 2% Cultural para patrimonio que convoca o Ministerio de Cultura “ou a outras liñas económicas que esixen prazos maiores que os cinco anos que temos aínda de marxe”, explica Secundino García.

Para poder acollerse ao 2% Cultural, o Estado esixe que os convenios de cesión dos bens sexan de polo menos 50 anos. Segundo o alcalde, a Casa de Alba estaría disposta á ampliación: “na conversa que mantivemos hoxe, o avogado da fundación comentounos que en principio non ía haber ningún problema e convidounos a que llelo solicitásemos formalmente para poder preparar a documentación e asinar un novo acordo de maior duración”.

Á procura de financiamento
Ademais de falar da prórroga da cesión, Secundino García e Araceli Bellas tamén lle avanzaron a Ramírez as actuacións que se pretenden levar a cabo nunha nova fase de consolidación e posta en valor da fortaleza medieval. Sería a cuarta intervención de calado no castelo e estaría centrada, principalmente, na retirada de entullos das fachadas norte e leste da torre e na consolidación dos muros que quedaron pendentes da fase desenvolvida entre 2019 e 2020.

Tamén se contempla a roza e retirada de sedimentos do penedo que sostén todo o conxunto, o descubrimento de estruturas aínda soterradas e outros traballos que saquen á luz a verdadeira dimensión arquitectónica do castelo de Naraío.

O proxecto completaríase coa ampliación das sendas, con paneis interpretativos e coa musealización de vestixios encontrados en escavacións arqueolóxicas anteriores e naquelas que se leven a cabo nesta cuarta fase. Mesmo se quere publicar material divulgativo sobre o monumento e dotalo dunha iluminacion que enfatice a súa espectacularidade, como principal elemento histórico do límite sur do Xeoparque do Cabo Ortegal.

A memoria valorada da posta en valor do castelo estima que fará falla un investimento duns 500.000 euros, que o Concello agarda poder financiar a traves da convocatoria 2025 do programa ministerial do 2% Cultural.

A cuestión centrou outra xuntanza mantida pola tarde por Secundino Garcia e Araceli Bellas con Carmen Cabrera Lucio-Villegas, subdirectora de Xestión de Bens culturais na Direccion Xeral de Patrimonio e Belas Artes, con quen tamén abordaron a reparación da ala norte do convento do Rosario, que alberga a Casa da Xuventude e o posto da Garda Civil.

A parte propiedade do bispado -a igrexa de Santa María a Maior, o claustro, a metade da ala norte e toda a ala oeste- foi obxecto de varias obras de mellora na última década, mentres que a outra metade do conxunto, de titularidade municipal, foi acondicionada unicamente no interior e, aínda con iso, segue padecendo filtracións, humidades e unha nula eficiencia enerxéitca.

Por este motivo, o Concello quere renovarlle a cuberta e a envolvente -respectando o valor histórico do edificio-, mellorar o illamento, instalar novos sistemas de ventilación e de calefacción por aerotermia, cambiar os ventanais e aproveitar para soterrar os cables da fachada e mellorar a accesibilidade das beirarrúas.

A memoria valorada que se lle presentou hoxe á tarde á subdirectora de Xestión de Bens culturais está cuantificada tamén en 500.000 euros. Tanto este proxecto como o do castelo serían susceptibles de obter financiamento estatal “a través do 2% Cultural de próxima convocatoria ou doutras que se están abrindo para patrimonio histórico, algunhas delas con achegas dos fondos Next Generation”, explica Secundino García. O alcalde cualificou o encontro con Carmen Cabrera como “moi produtivo”, dado que a subdirectora xeral “interesouse polas propostas e comprometeuse a irnos avanzando posibles liñas financieiras estatais nas que poidan ter encaixe”, apunta o rexedor.

Deja un comentario