A maior parte serían para o financiamento do gasto corrente e quedarían definidos, tamén, os proxectos de investimento a executar a través do POS+ Complementario.
O Goberno municipal elevará ao Pleno ordinario que se celebrará a semana que vén a súa proposta para destinar os fondos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) POS+2025.
Con cargo a ese programa provincial ao Concello da Laracha correspóndelle percibir un total de 1.265.833,27 euros nesta anualidade, divididos en varias achegas diferenciadas.
Por unha parte están o orzamento de 2025 e a achega de 2024 resultante do expediente de modificación de créditos efectuado pola Deputación da Coruña cos fondos non empregados no ano anterior. A suma de ambos ascende a 986.172,43 euros que o Executivo local proporá destinar integramente ao financiamento de gasto corrente.
Ademais, a parte do POS+ Adicional 03/2025, cun montante de 176.627,90 euros, empregaríase na amortización parcial do préstamo concedido no ano 2015 pola propia Deputación ao Concello dentro do Plan de Aforro e Investimento para actuacións en infraestruturas municipais.
E tamén quedaría definido na sesión plenaria o POS+ Adicional 02/2025, anteriormente coñecido como POS+ Complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos resultantes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo deste curso. Nese caso destinaríanse aproximadamente 136.000 euros á mellora da estrada de Cabovilaño que comunica O Regado con Arén ata a altura do cruce do Cancelo e da estrada de Coiro que vai da DP-1913 ata a escola do Rapadoiro.
Cabe lembrar que recentemente en sesión plenaria xa fora acordado que os fondos do POS+ Adicional 01/2025, que ascenden a 103.032,94 euros, tivesen por destino o financiamento de gastos sociais extraordinarios, incluíndo gasto corrente e adquisición de equipamento técnico asistencial para persoas dependentes e de equipos informáticos para o persoal do departamento municipal de Servizos Sociais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.