Saturday 16 de November de 2024

Un total de 5 mulleres e 16 homes concluíron hoxe a súa formación en carpintería co Obradoiro Tahume 2


Un total de 5 mulleres e 16 homes finalizaron hoxe o obradoiro de emprego Tahume 2: unha escola taller na que ao longo de 6 meses tiveron ocasión de formarse na especialidade de carpintería, ao tempo que realizaron traballos que redundaron na mellora dos dous municipios implicados no seu desenvolvemento: Riveira e Porto do Son.

Celebrado no Centro Cultural Lustres Rivas, o acto de clausura contou coas intervencións dos alcaldes destes dous municipios, Manuel Ruiz e Luis Oujo, así como do delegado territorial da Xunta de Galicia, Diego Calvo e dos dous edís competentes.

Manuel Ruiz expresou o seu desexo de que se visen cumpridas as expectativas dos alumnos e avanzou que os dos dous concellos “irmáns” van seguir apostando por iniciativas deste tipo e con tal motivo xa solicitaron a celebración dun novo obradoiro de emprego conxunto.

Pola súa parte, Luis Oujo sumouse ao desexo de que a grande maioría poida lograr un posto de traballo grazas á formación adquirida e mesmo manifestou a súa esperanza de que frutifiquen os “rumores” que escoitou en relación a formar entre alumnos da escolla taller unha cooperativa, algo que de ser certo sería “formidable” na súa opinión.

Diego Calvo tivo palabras de felicitación ao equipo formativo e destacou a importancia do traballo realizado, que permanecerá nos concellos onde realizaron o seu labor.

Entre as actuacións realizadas ao longo do obradoiro, cómpre salientar as seguintes:

• Mobiliario urbano en madeira para espazos públicos en Riveira.
• Mobiliario de madeira para o Conservatorio de Aguiño (Riveira).
• Mantemento do mobiliario urbano en Riveira.
• Pasarela de madeira cara “O Carreiro” – Aguiño (Riveira).
• Senda no Parque Natural de San Roque (Riveira).
• Mobiliario urbano en madeira para espazos públicos en Porto do Son.
• Arranxo de pasarelas de madeira dos accesos ás praias do Concello de Porto do Son.
• Mobiliario para os CEIP de Portosín, Santa Irene, Xuño, Caamaño, Seráns, Queiruga e Baroña do Concello de Porto do Son.
• Mobiliario para a Escola Municipal de Danza do Concello de Porto do Son.