Amal en Ruta, os Venres Culturais, Primavera enDanza, A través da lente e catro exposicións, entre outras citas, conforman este programa que arrinca o 30 de xaneiro
Cultura con Forza volve a Carballo con máis de 25 propostas culturais que encherán a vila de vida ata o mes de abril. Un ano máis poderemos desfrutar coas obras e a creatividade do vizoso tecido cultural galego, pero tamén cunha ollada posta noutras culturas e noutras sensibilidades. A Concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, o director da Agadic, Jacobo Sutil e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foron os encargados de presentar este programa no auditorio do Pazo da Cultura. A responsable da área quixo subliñar o traballo de remodelación das butacas deste espazo, que xa está case rematado, e que leva realizándose desde despois do Nadal. O retapizado e a substitución de pezas deterioradas constituíu o groso deste labor que se completa coa renovación do sistema de alumeado para que as espectadoras e espectadores dos espectáculos desfruten o máximo posible a partir do 30 de xaneiro, cando arrinca o programa.
Sutil, en nome da Agadic da Xunta de Galicia, resaltou a importancia da colaboración institucional entre o Concello, a Deputación da Coruña e o seu departamento “traballando conxuntamente e con lealdade para facer a mellor programación posible”. O Alcalde, pola súa banda, quixo mencionar a importancia da “Cultura como un ben necesario para crear sociedade, xa que tamén é unha potencia económica que temos que mimar”. Os tres quixeron lembrar así mesmo a importancia este ano da música tradicional, do folclore e das cantareiras, a quen están este ano dedicado o Día das Letras Galegas e que tamén terán o seu espazo destacado en Cultura con Forza.
Con esta programación, Carballo segue a ser o escenario cultural da comarca pola diversidade da oferta, cunha ampla variedade de citas dirixidas a públicos diversos, distintas disciplinas artísticas ou diferentes estilos. Deixa especial protagonismo á cultura galega, pero tamén con atención a destacadas producións doutras comunidades e mesmo con presenza internacional. Favorece, así mesmo, a participación de artistas vinculados a Carballo co obxectivo de difundir a creación local. E sempre aposta pola calidade, contando con grupos profesionais con traxectorias distintas, consolidadas ou máis emerxentes, pero sempre cos últimos espectáculos do panorama artístico e cultural.
O teatro, as artes plásticas, a danza, a fotografía ou o audiovisual están presentes neste programa que este ano tamén lle presta especial atención ao noso folclore, xa que renderá homenaxe ao labor das cantareiras, mulleres transmisoras dunha música que está moi viva en Carballo e ás que se lles dedica este ano o Día das Letras.
O programa integra varios ciclos de longa traxectoria ofertados pola Concellaría que se desenvolverán no Pazo da Cultura, un espazo que vén de renovar recentemente as butacas do seu auditorio. Os asistentes ás actividades serán quen de estrealas asistindo aos Venres Culturais, á Mostra de Cine euroárabe Amal en Ruta ou a Primavera enDanza. Ademais, neste 2025 retomamos a iniciativa A través da lente, un encontro para os amantes da fotografía e da imaxe.
En total son:
• 5 longametraxes de Amal en Ruta,
• Venres Culturais con 4 espectáculos de teatro para adultos,
• 2 espectáculos do ciclo En Familia
• 1 de música
• 5 espectáculos de danza da XXIII edición de Primavera enDanza, un deles do ciclo En Familia
• 4 exposicións
• 5 citas A través da lente
Cultura con Forza comeza o xoves 30 de xaneiro co Ciclo de cine euroárabe Amal en ruta, que xa leva moitos anos visitando a nosa vila. Conta cunha selección de cinco longametraxes (catro de ficción e un documental) que este ano porán o foco na resistencia do pobo palestino.
Os Venres Culturais constitúen un dos programas máis lonxevos da Concellaría de Cultura, con máis de 20 edicións e desenvolveranse os venres e domingos durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Inclúe sete espectáculos, catro de teatro para adultos, dous para público familiar e un dedicado á musica tradicional. Contaremos con compañías como Butacazero, coa interpretación de Esther Carrodeguas, unha das creadoras galegas máis prolíficas e orixinais do panorama actual. Tamén hai que mencionar a Ibuprofeno Teatro, compañía coa que colabora a Concellaría de Cultura e que ofrece en Carballo unha das súas primeiras funcións de Reconversión, unha historia persoal do director, Santiago Cortegoso, sobre o sector naval en Vigo. Ademais, Talía Teatro tamén presenta case por primeira vez en Carballo un espectáculo de sona internacional, Un deus salvaxe.
Completan os nomes dos Venres Culturais os coñecidos David Amor e Josito Porto que presentan Go home!, unha crítica sobre o turismo en Galicia en clave de humor. Para público familiar PT Excéntricas trae Monstros, unha reflexión sobre as cousas que nos causan temor con nomes como Víctor Mosqueira ou Piti Sanz e a escenografía de Marcelino de Santiago, “Kukas”; e a compañía Elefante Elegante pecha o programa cunha nova cita En familia con Kyoki, unha historia sobre a memoria ou a vellez a través da linguaxe xestual e a manipulación de obxectos.
No apartado musical, os Venres Culturais inclúen a proposta 586 Cantos coa colaboración do MICE do Museo do Pobo Galego. Unha cita na que conflúen as pandeiretas ou o jazz e voces tradicionais mesturadas coa interpretación contemporánea. Richi Casás lidera este espectáculo que ten a súa orixe na investigación da musicóloga Dorothé Schubart para conformar o Cancioneiro popular galego. Esta actuación completarase precisamente coa proxección do documental Dorothé na vila, unha viaxe polo traballo desta muller que realizou no seu día a maior compilación de músicas tradicionais do país.
Do 28 de marzo ao 11 de abril regresa un dos escasos ciclos estables de danza contemporánea en Galicia, o festival Primavera enDanza, que chega á súa XXIII edición. Una oportunidade de achegarse a esta disciplina tan creativa e innovadora con cinco espectáculos: tres de compañías galegas e dous vidos desde Cataluña, o de Lali Ayguadé e o de Lowland Performing Arts. Entre eles figura a estrea absoluta da galega Paula Quintás con Aurora Boreal e a proposta do creador Daniel Rodríguez co seu espectáculo Transeúnte. Será quen nos achegue o canto e a danza tradicional mesturándoo coa danza contemporánea como homenaxe ao noso folclore.
Para rematar, hai que mencionar que este ano Cultura con Forza retoma o programa A Través da Lente, un encontro para os e as amantes da fotografía e da imaxe que inclúe exposicións, visitas guiadas, cursos ou a presentación do libro Homes e mulleres de sal e ferro, unha compilación de imaxes de percebeiros realizadas por Xesús Búa.
De entre todas as propostas destaca a exposición do XXVII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, un concurso anual que contribúe ao fomento e á divulgación da fotografía e que este ano contará ademáis cunha visita guiada a cargo fo fotógrafo profesional Ángel Cordeiro.
Ademais, Cultura con Forza inclúe na súa programación outras propostas como teatro escolar, os concertos do Conservatorio Profesional de Música, Contacontos nas Bibliotecas de Carballo, citas con Apego, ou a XVIII Semana do Libro e a Lectura a finais de abril. Tamén hai que mencionar o ciclo de música Curruncho Pop, o Día da muller e da nena na ciencia, o Carballo Interplay ou a Atlantic Games Conference.
O programa Cultura con Forza está organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo grazas á colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), da Deputación da Coruña e este ano conta tamén coa participación do Museo do Pobo Galego.
VENRES CULTURAIS
• Venres 7 de febreiro – 21.00 horas. Teatro. Butacazero (Galicia). O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada
• Venres 14 de febreiro – 21.00 horas . Teatro. David Amor e Josito Porto (Galicia). Go home!
• Domingo 16 de febreiro – 18.00 horas. Teatro en familia. PT Excéntricas (Galicia). Monstros
• Venres 21 febreiro – 21.00 horas. Teatro. Ibuprofeno Teatro (Galicia). Reconversión
• Venres 14 marzo – 21.00 horas. Teatro. Talía Teatro (Galicia). Un deus salvaxe
• Venres 21 marzo – 21.00 horas. Música. MICE Museo do Pobo Galego (Galicia). 586 Cantos
• Domingo 23 de marzo – 18.00 horas. Teatro xestual. Elefante elegante (Galicia). Kyoki
As entradas para estes espectáculos estarán a venda de xeito anticipado a partir do venres 24 de xaneiro ás 9.00 horas en <billeteira.carballo.gal>. Tamén será posible a venda directa o mesmo día do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura dende 90 minutos antes de cada actuación. Tamén estarán dispoñibles entradas para personas con dificultades visuais e/ou auditivas.
AMAL EN RUTA – MOSTRA DE CINE EUROÁRABE
• Xoves 30 xaneiro – 20.00 horas. The teacher
• Sábado 1 febreiro- 20.00 horas. Inshallah walad
• Xoves 6 febreiro – 20.00 horas. The old oak
• Xoves 13 febreiro – 20.00 horas. To a land unknown
• Xoves 20 febreiro – 20.00 horas. By bye Tiberias
O acceso ás proxeccións será de balde ata completar o aforo.
PRIMAVERA ENDANZA
• Venres 28 marzo – 21.00 horas. Paula Quintas (Galicia). Aurora Boreal. ESTREA ABSOLUTA.
• Sábado 29 marzo – 20.30 horas. Marta Alonso (Galicia). Sofá
• Sábado 5 abril – 20.30 horas. Lali Ayguadé (Cataluña). Together to get there
• Domingo 6 abril – 18.00 horas. En Familia. Lowland Performing Arts (Cataluña). Cometa
• Venres 11 abril – 21.00 horas. Daniel Rodríguez (Galicia). Transeúnte
As entradas para estes espectáculos estarán a venda en <billeteira.carballo.gal>. Tamén será posible a venda directa o mesmo día do espectáculo na billeteira do Pazo da Cultura dende 90 minutos antes da actuación.
A TRAVÉS DA LENTE
• Mércores 12 febreiro – 19.30 horas. Presentación do libro de fotografías de Xesús Búa Homes e mulleres de sal e ferro
• Mércores 26 febreiro – 19.30 horas. Visita guiada da exposición do 18º Premio de creación fotográfica Luis Ksado.
• Os mércores 12 e 26 de marzo e 9 de abril – de 19.30 a 21.00 horas. Curso Na procura do estilo fotográfico a cargo de Ángel Cordero Gómez.
• Xoves 20 marzo – 20.00 horas. Proxección do documental Dorothé na vila.
• Xoves 10 abril – 20.00 horas. Acto de entrega de premios e inauguración a exposición do XXVII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís.
• Mércores 23 de abril – 19.30 horas. Visita guiada á mostra do XXVII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís.
Todas as citas son de balde.
EXPOSICIÓNS
• 13 de xaneiro a 1 de febreiro. XVIII Premio Arte Gráfica Jesús Núñez
• 31 de xaneiro a 28 de febreiro. O son do nordés de Loli España
• 28 de febreiro a 18 de marzo. 18º Premio de creación fotográfica Luis Ksado
• 10 de abril a 10 de maio. XXVII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís
Todas as exposicións poden verse en horario de 17.00 a 21.00 horas, de luns a sábado.
➢ Listaxe de teléfonos para contactar coas compañías dos Venres Culturais:
➢ Butacazero: Rubén Capelán | 622 122 898
➢ PT Excéntricas: Rubén Pedrero | 618 752 105
➢ Ibuprofeno Teatro: Santiago Cortegoso | 696 730 037
➢ Talía Teatro: Artur Trillo | 630 877 153
➢ David Amor e Josito Porto: Jorge López | 621 143 278
➢ Elefante Elegante: Xurxo Prieto | 664 803 801
➢ 586 Cantos: Ana Estévez | 981 583 620
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.