
Podemos afirmar, sen ningún xénero de dúbidas, que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886 – Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950) é a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza, unha condición que deriva dunha traxectoria vital guiada pola integridade ética, a loita contra todo tipo de discriminacións e desigualdades, a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a militancia no internacionalismo solidario.
Todo o pensamento e a obra de Castelao emana do seu compromiso político e social, que o levou a participar activamente nas principais organizacións do nacionalismo galego, primeiro nas Irmandades da Fala (coa asistencia á I Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918) e máis tarde, xa no período republicano, coa fundación do Partido Galeguista (1931). A súa obra literaria e artística destes anos é plenamente consecuente coa toma de posición en defensa do país, da cultura, da lingua e das aspiracións de xustiza e liberdade do pobo galego. Nos anos 20 a súa actividade centrouse no ámbito cultural, con creacións senlleiras como Cousas ou o álbum e a exposición Nós, e mediante a participación en iniciativas como o grupo e revista Nós, o Museo de Pontevedra ou o Seminario de Estudos Galegos.
Nos anos 30 asumiu cargos de responsabilidade política no Partido Galeguista e exerceu como deputado nas Cortes da República entre 1931-1933 e a partir de abril de 1936. Neste período centrou grande parte dos seus esforzos na expansión do Partido Galeguista e na campaña polo Estatuto de Autonomía, finalmente aprobado en plebiscito popular o 28 de xuño de 1936. Un Estatuto que non vía como un punto de chegada, senón como o primeiro paso para o desenvolvemento do autogoberno de Galiza.
Por este firme e inquebrantábel compromiso co seu país, Castelao tivo que pagar un alto prezo. Primeiro co desterro a Badaxoz (1934-1935) decretado polo goberno dereitista de Lerroux. A partir do golpe de Estado fascista de xullo de 1936, momento no que tomou partido en defensa da legalidade republicana e de Galiza, sufrindo unha persecución implacábel materializada nun expediente de responsabilidades políticas, no espolio da súa casa e dos seus bens, nunha multa de 75.000 pesetas que tivo que pagar a súa familia, e na depuración como funcionario público.
A persecución e o asasinato dos principais líderes do nacionalismo e do republicanismo galego, compañeiros e amigos seus, marcou fondamente a Castelao. Por iso, a partir de xullo de 1936 un dos obxectivos centrais da súa vida foi a denuncia dos crimes da Ditadura e a lembranza, dignificación e recuperación do exemplo das vítimas da represión franquista. Dese empeño xurdiu a escolla do 17 de agosto, data do asasinato do seu grande amigo Alexandre Bóveda, como Día dos Mártires Galegos-Día da Galiza Mártir. Deste mesmo compromiso naceron neses anos de guerra e exilio os Álbuns da Guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), as campañas de propaganda na URSS (1938), Estados Unidos e Cuba (1938-1939), e o asentamento definitivo con Virxinia Pereira en Bos Aires a partir de 1940. Malia a derrota e a enfermidade que o consumía pouco a pouco, aínda tivo azos para impulsar a creación da Irmandade Galega (1941), para publicar o libro Sempre en Galiza (1944) e outras obras como Os vellos non deben de namorarse ou As cruces de pedra na Galiza, para promover a fundación do Consello de Galiza (1944), do que foi o primeiro presidente, para pronunciar discursos históricos como o Alba de Gloria (1948), e para defender por todos os medios a aprobación definitiva do Estatuto Galego polas Cortes da República, obxectivo que non chegou a ver realizado plenamente.
Toda a súa vida e a súa obra -depositada na súa maior parte do Museo de Pontevedra pola súa vontade e o empeño persoal de Virxinia Pereira-, constitúen un inmenso legado político e cultural que é preciso administrar e divulgar, facendo que os seus ideais se fagan realidade na Galiza de hoxe.
Temos a obriga de honrar e celebrar a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galiza. Temos a obriga de facelo sendo fieis ao seo pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político, que constitúen unha unidade indisolúbel. O primeiro presidente de Galiza foi un demócrata íntegro e exemplar. Todo o que fixo e dixo Castelao, ao longo da súa vida e en todos os lugares do mundo nos que estivo, foi esencialmente política ao servizo da nación e do pobo galego. Como deixou dito Virxinia Pereira “Toda a arte de Castelao, debuxos, conferencias… son esencialmente política”.
Inmediatamente despois da súa morte, o franquismo iniciou a construción dunha versión manipulada de Castelao, enxalzando o creador e o artista xenial, e atacando, ocultando ou minimizando a súa traxectoria e obra política. Continuar con esta visión distorsionada, convertelo nun mito desprovisto de ideoloxía e de compromiso político, utilizalo como estandarte en contra dos ideais que defendeu, constitúe unha fraude histórica e unha negación do legado inmenso que nos deixou.
Cando se veñen de cumprir 80 anos da publicación no exilio de Sempre en Galiza e da fundación do Consello de Galiza, considerado o primeiro goberno galego, e cando se cumpren 75 anos do seu pasamento en Bos Aires, o grupo municipal do BNG do concello de Oleiros presenta a seguinte proposta de ACORDO:
A Corporación Municipal do concello de Oleiros acorda:
1. Solicitar ao Goberno da Xunta de Galiza o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galiza, e o Consello de Galiza como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea.
2. Apoiar a declaración do 2025 como Ano Castelao.
3. Instar ao goberno municipal a impulsar unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galiza, a súa obra artística e literaria, e o seu humanismo e internacionalismo solidario.