Thursday 23 de January de 2025

O Concello cede case 100 metros cadrados ao CEIP  Víctor López Seoane para novos equipamentos  escolares 


O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, supervisou as  instalacións e os traballos de renovación da pista multideporte, xa en  marcha 

O Concello da Coruña vén de ceder esta semana ao  CEIP Víctor López Seoane, a través da Consellería de Educación, un espazo de  aproximadamente 100 metros cadrados que se empregarán para actividades  extraescolares. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan  Ignacio Borrego, supervisou esta mañá estas novas instalacións, que ata o de agora tiñan a  función de vivenda do persoal de conserxería. O edil foi recibido pola directora do centro,  María Carmen Franco. 

“O Goberno de Inés Rey segue escoitando aos centros da cidade e garantindo melloras nas  súas instalacións, indo máis alá das competencias municipais coa fin de garantir unha  educación pública de calidade”, indicou Borrego. A instalación conta de ata tres estancias  que serán reconvertidas en espazos educativos como, por exemplo, aulas sensoriais ou  culinarias, unha cociña equipada e un baño completo.  

Desde o centro mostráronlle ao edil o seu agradecemento ao Concello pola cesión deste  espazo, que permitirá mellorar diferentes actividades educativas e comunitarias que se  imparten no CEIP Víctor López Seoane e beneficiará directamente ao alumnado, ás súas  familias e ao entorno escolar. 

As obras de mellora da pista multideporte do centro, en marcha 

Por outra banda, xa están en marcha as obras de mellora da pista multideporte do CEIP  Víctor López Seoane. Juan Ignacio Borrego aproveitou a súa visita ao centro para supervisar os traballos, que dan continuidade ao plan de mellora nas infraestruturas  educativas posto en marcha polo Goberno de Inés Rey.  

Esta intervención supón a demolición do firme actual da pista, xa en marcha. Acometerase,  posteriormente, a súa renovación, cun novo pavimento.A esta actuación sumarase,  ademais, a instalación dun novo peche da parcela no sector norte do centro educativo, así  como a substitución dos pechamentos laterais que hai na actualidade, unha medida  necesaria ante a oxidación dos valados, por mor do paso do tempo e o impacto da  salinidade e a meteoroloxía adversa. 

O Concello, que adxudicou as obras á empresa Jardinerías Arce, investirá máis de 266.000  euros para completar as melloras previstas.

Deja un comentario