Thursday 23 de January de 2025

O director valenciano Rafael García Vidal, protagonista especial do novo concerto da Banda Municipal, que volve ao Teatro Colón este domingo


O programa da actuación, que comezará ás 12.15 horas e será de acceso libre ata completar a capacidade prevista, inclúe pezas de prestixiosos compositores como o austríaco Richard Strauss

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) dá continuidade esta fin de semana ao calendario de concertos do seu ciclo de inverno, que volve ao Teatro Colón cunha nova actuación na que o gran protagonista será o director valenciano Rafael García Vidal, convidado especial que levará a batuta da sesión.

García Vidal, oriúndo do municipio de Alfarrasí, iniciou os seus estudos musicais sendo moi pequeno, formouse na súa vila natal e entrou a formar parte da súa Banda Instructiva Musical. Xa posteriormente, obtivo o título de profesor superior de Clarinete no Conservatorio Superior Oscar Esplá, de Alacante. Ao longo do seu percorrido como director, traballou con bandas e orquestras tanto amateurs como profesionais en España, Italia, Alemaña e Colombia.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o talento e a bagaxe profesional de García Vidal, “co que estreitamos aínda máis os nosos lazos coa comunidade cultural e musical valenciana, que xa nos deixou en novembro un concerto para non esquecer coa visita da Beatriz Fernández Aucejo, de Paiporta”.

O desenvolvemento do concerto será en dúas partes. Na primeira, as e os profesionais da BMMC interpretarán pezas de Jules Strens e Carlos Pellicer —que estará presente este domingo no Teatro Colón—, e será no segundo treito da actuación cando cobrarán relevancia figuras como o austríaco Richard Strauss e compositora Lili Boulanger.
Juan Miguel Romero Llopis, director titular da Banda, destacou o programa “pola súa variedade de estilos” e tamén abundou na interesante figura do director convidado, García Vidal, catedrático de dirección no único conservatorio de España que ten o itinerario de Dirección de Banda, o deAlbacete: “É unha persoa que está na vangarda do proxecto bandístico e ideal para seguir a impulsar o que queremos inculcar neste sentido na nosa cidade”.

Gonzalo Castro convidou a cidadanía a non perder o espectáculo deste domingo 26, que comezará ás 12.15 horas e será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no Teatro Colón.

Deja un comentario