Thursday 23 de January de 2025

Avanzan as obras para mellorar a accesibilidade entre o Peruleiro e a rúa Barcelona, cunha nova fase de actuacións en Julia Minguillón


Os traballos, cofinanciados con fondos Next Generation, entran xa na súa recta final, co 80% do global da obra xa executado

En paralelo, o Concello vén de completar a humanización parcial da rúa Agra do Orzán, unha intervención que se executou no treito comprendido entre as rúas Meira, Entrepenas e Pascual Veiga

O Concello avanza estes días no plan de traballos establecido para concretar as melloras de accesibilidade previstas no circuíto de rúas que conectan o Peruleiro coa rúa Barcelona, unha actuación cofinanciada con fondos Next Generation que chega agora á súa recta final, co 80% das obras xa executadas.

Neste sentido, e tras rematar días atrás os traballos na rúa Almirante Mourelle, os operarios xa están sobre o terreo en Julia Minguillón, outra das rúas da Agra do Orzán nas que o Goberno de Inés Rey está a apostar por ampliar as beirarrúas, gañando espazos peonís en relación aos que había previamente. Tamén se están a renovar os materiais das beirarrúas, incluíndo pavimentos diferenciados para facilitar o paso das persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.

Como xa se fixo previamente noutras rúas como Fanny Garrido e Manuel Deschamps, o Concello inicia os traballos en Julia Minguillón renovando as infraestruturas da rúa. Isto é, as tubaxes da rede municipal de saneamento, que serán substituídas por outras novas, con materiais máis resistentes, seguros e adaptados ás necesidades actuais da rede.
“A intervención en Julia Minguillón xa está sendo visible estes días cos traballos preliminares de demolición e picado. Actuar primeiro sobre o saneamento é clave por dous motivos: un deles, pola antigüidade da rede que hai no barrio; e, por outra banda, para asegurar a creación dunhas boas canalizacións de cara ao futuro, que eviten intervencións innecesarias sobre os espazos públicos,polos gastos engadidos e prexuízos que isto supón”, razoou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Corte total da rúa Julia Minguillón a partir do martes 28

Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das obras en Julia Minguillón, o Concello cortará a rúa ao tráfico rodado na súa totalidade a partir do vindeiro martes 28.
Isto suporá, na práctica, que na rúa Canceliña o sentido normal do tráfico será cara Pascual Veiga, ao igual que desde a rúa Páramo. E o treito de Almirante Mourelle que vén de Peruleiro quedará como ata agora, baixando por Manuel Deschamps.

Díaz lembrou que o Concello destina case 600.000 euros a esta intervención no barrio, á que complementan os recentes traballos de humanización parcial da rúa Agra do Orzán.

Potenciar o carácter comercial da rúa Agra do Orzán

Días atrás remataron as obras para a humanización parcial da rúa Agra do Orzán, unha medida que se executou atendendo ás suxestións e demandas da veciñanza da Agra e que supuxo, en termos prácticos, a remodelación do treito comprendido entre as rúas Meira, Entrepenas e Pascual Veiga. “O obxectivo que temos é que esta actuación mellore a calidade urbana da rúa e axude a potenciar o seu carácter comercial”, indicou Noemí Díaz.

O treito que se humanizou na rúa Agra do Orzán está agora configurado como plataforma única. Gañáronse espazos peonís nas beirarrúas, polo que se mellorou así a accesibilidade, e mantivéronse tamén os espazos destinados ao estacionamento de vehículos. Isto foi posible polo ancho que tiña a calzada, suficiente para acometer a remodelación prevista.

Ademais, esta mesma semana está previsto que cheguen os novos exemplares de arboredo que se plantarán ao longo do treito humanizado, no que xa se delimitaron as escavas á espera dos traballos de xardinería, que dependen da subministración das árbores.

Deja un comentario