Friday 22 de November de 2024

A Xunta investirá máis de 400.000 euros nas obras de abastecemento a Restande e Monzo, en Trazo


Así o acordaron hoxe nunha reunión a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, José Dafonte

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 400.000 euros nas obras de abastecemento a Restande e Monzo, en Trazo. Así o acordaron hoxe nunha xuntanza a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, José Dafonte.

En concreto, estes traballos completarán as actuacións xa levadas a cabo nunha primeira fase nas parroquias de Castelo e Restande. O proxecto, actualmente en fase de supervisión técnica, inclúe a instalación dun total de 6.159 metros de tubaxes de diferentes diámetros co obxectivo de completar a rede de abastecemento xa existente no núcleo de Tarrío. Con esta nova rede, darase servizo aos concellos núcleos de Lestido, A Cariñeira, Outeiro, O Castro A Pedregueira, o Barral, Pereiras, San Martiño e o Castro.

Durante o encontro de traballo, o alcalde tamén trasladou á conselleira a petición dunha obra de saneamento en Chaián, que Mato se comprometeu a estudar e avaliar.

Ademais de abordar asuntos relacionados co saneamento e o abastecemento, na xuntanza tamén se tratou a situación actual da tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que xa conta con autorización ambiental, polo que se prevé que Trazo poida ter un planeamento adaptado nun breve prazo de tempo.