Thursday 23 de January de 2025

O polivalente acollerá ata o 21 de febreiro a exposición Fauna Esencial, promovida en colaboración con ABANCA e Afundación


O centro social polivalente de Brión acollerá ata o 21 de febreiro a exposición “Fauna esencial”, un percorrido pola beleza e fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural a través de 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retrato de natureza. Unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Brión, ABANCA e Afundación.

O acto de inauguración tivo lugar esta mañá e contou coa asistencia do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín; o coordinador institucional de ABANCA, José Manuel Vilariño Orgeira; a coordinadora adxunta á Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano; a directora da oficina de ABANCA, Amparo Varela Neiro; a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero; e a concelleira María Fariña. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse ata o 21 de febreiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00 horas.

José Manuel Vilariño destacou o feito de que a mostra estea emprazada nun lugar con moita actividade e que é visitado a diario por numerosos veciños e veciñas de Brión: “ás veces é difícil que a xente vaia a unha sala de exposición a ver unha mostro pero cando están en lugares coma este, ao que ves a facer outras cousas, entón a xente aproveita e vese moito máis”. Un punto no que coincidiu o alcalde brionés, quen tamén indicou que “ademais das persoas maiores que veñen facer actividades ao polivalente, falaremos cos centros educativos para que poidan tamén visitar esta exposición”.

Conservación das especies

Pola súa banda, Paloma Vela explicou que “esta exposición forma parte do proxecto Corrente cultural, co que Afundación e a Obra Social de ABANCA, en colaboración con concellos como Brión, nos permite levar mostras que estiveron nas nosas salas de exposicións por diferentes localidades e trasladar así a cultura a estes municipios”. Sobre “Fauna esencial” sinalou que “son fotografías que nos falan da diversidade, da riqueza e da importancia da fauna, que nos é moi recoñecible porque son todos animais da Península Ibérica e o que pretende é que desfrutemos da súa contemplación pero ademais que nos sintamos comprometidos coa súa conservación e a súa sostenibilidade. E por iso cada fotografía está acompañada dun texto que nos conta algo sobre esa especie”.

“Fauna esencial” está conformada por 28 fotografías de gran formato realizadas por Ezequiel Martínez, acompañadas de textos explicativos sobre eses animais que inclúen as súas características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Unha mostra para cuxa elaboración contouse coa colaboración dos especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, quen confeccionaron unha información rigorosa e divulgativa que é facilmente accesible para todos os públicos.

A mostra inclúe grandes retratos dalgunhas das especies máis significativas da Península como o xabarín, o lobo, o cervo, o oso pardo, a cegoña, o boitre leonado, o gamo, a curuxa ou o aguia imperial, entre outras.

Deja un comentario