Wednesday 22 de January de 2025

A Xunta abre unha nova convocatoria de 250 bolsas BEME de Máster en Galicia para a mocidade galegta residente no exterior


― O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro con bolseiros BEME do curso 2024-2025 e unha profesora dun dos másteres para destacar o impacto desta medida no retorno e na formación cualificada

― As 250 axudas, que sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, chegan ata acadar bolsas de entre 8.000 e 12.500 euros, en función da duración do mestrado e o continente de procedencia do beneficiario

― A Secretaría Xeral da Emigración destinará máis de 2,5 millóns de euros a esta medida, incluída na Estratexia Retorna 2023-2026 e con esta nova convocatoria terá ofrecido preto de 2.000 oportunidades de retorno a través dunha bolsa

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a nova convocatoria para o curso 2025-2026, promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Secretaría Xeral da Emigración, das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster). O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, aproveitou a publicación desta novena convocatoria para reunirse con varios dos bolseiros da edición actual das BEME e unha das profesoras dun dos másteres incluídos no programa.
Durante o encontro, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UDC, destacou o impacto positivo deste programa no retorno da mocidade galega do exterior, así como na formación de profesionais altamente cualificados en áreas estratéxicas para o desenvolvemento de Galicia. “Estas bolsas son unha oportunidade única para fortalecer o vínculo coa nosa terra, mentres axudamos a cubrir as necesidades dun mercado laboral en continua transformación”, subliñou.

Os asistentes compartiron as súas experiencias persoais e profesionais, coincidindo en que esta iniciativa foi clave para o seu retorno e integración. A profesora destacou a relevancia de contar cunha comunidade internacional no ámbito académico, o que permite enriquecer a formación tanto para os bolseiros como para o resto do alumnado.

A través deste programa pioneiro da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta ofértalles ás persoas galegas universitarias residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización entre os máis de 90 mestrados ofertados, coa finalidade de que adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías, incorporando así perfís altamente cualificados ao tecido produtivo da Comunidade. Unha liña fundamental, tanto para atender as necesidades de incorporar talento das empresas galegas en sectores absolutamente estratéxicos, como para favorecer o emprendemento por conta propia vencellado ás oportunidades que ofrece o noso territorio.

Estudantes procedentes de 41 países diferentes

Dende 2017, e cun investimento global de 12,3 millóns de euros, esta iniciativa pioneira xa permitiu o retorno de 1.500 mozos e mozas cunha idade media de 29 anos e procedentes de 41 países diferentes, entre os cales destacan a Arxentina, Venezuela, o Uruguai, o Brasil e o Reino Unido. A estas persoas hai que sumarlles outro medio milleiro de prazas destinadas a estudantes de FP a través do programa Retorna Talento FP.

A formación cualificada impulsada polo Executivo galego a través das bolsas de excelencia mocidade exterior (BEME) está sendo unha ferramenta fundamental para o retorno e a integración sociolaboral dos galegos e galegas universitarios que residen no exterior. Segundo os datos recollidos das últimas promocións, destaca o grao de permanencia na nosa comunidade —preto dun 80% quedan en Galicia—, un 60% deles con traballo e ata un 40% pensa en emprender. Así mesmo, máis dun 90% dos bolseiros recomendarían a un familiar ou amigo vivir en Galicia.
As políticas de retorno impulsadas pola Xunta no marco da Estratexia Galicia Retorna volveron constatar a súa eficacia segundo reflicten os recentes datos publicados polo INE. Así, na Estatística de migracións e cambios de residencia 2023 -en que Galicia marca un novo fito cun saldo migratorio positivo de máis de 25.000 persoas-, a Comunidade acada por terceiro ano consecutivo unha cifra histórica de retorno, pois un total de 8.459 galegos e descendentes regresaron para asentarse de volta na súa terra de orixe -en 2021 foron 7.743 e en 2022, 7.957-.

Detalles da convocatoria

A nova edición das BEME para mestrados, ofrece 250 bolsas convocadas en réxime de concorrencia competitiva, destínanse a mozos galegos universitarios residentes fóra de Galicia desde hai máis de dous anos, persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante 5 anos, con nacionalidade española antes de emigrar, ou descendentes de galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus.

Todas as persoas beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa cal se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na nosa comunidade.

Os máis de 90 mestrados incluídos na convocatoria, pertencentes ás áreas de Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura, foron seleccionados polo seu maior potencial de empregabilidade. Así, a oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo galego. A bolsa, que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos que se van realizar, cobre os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento ou manutención en Galicia.

Os interesados e interesadas teñen ata o próximo 30 de abril para presentar a súa solicitude. Toda a información pode consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración: https://emigracion.xunta.gal

Deja un comentario