— A directora xeral de FP subliña o compromiso da Xunta cunha formación artística de calidade
— O centro acolle ata o 24 de xaneiro as VIII Xornadas de Arte e Deseño Bisiona
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, inaugurou hoxe as VIII Xornadas de Arte e Deseño Bisiona, co gallo do 175º aniversario da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Pablo Picasso da Coruña, onde puxo en valor “o talento pasado, presente e futuro que percorre este centro” como motor cultural e creativo de Galicia.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora e actualización da formación na Escola Pablo Picasso, co fin de seguir potenciando o talento e a capacidade innovadora do seu alumnado. Neste sentido, resaltou que o centro imparte dous ciclos superiores en modalidade plurilingüe en Dourado, Prateado, Policromía e Ilustración. “O noso obxectivo é reforzar as ensinanzas artísticas en Galicia, combinando a profesionalización coa preservación e o fortalecemento da nosa identidade cultural”, afirmou a directora xeral. Ademais, recordou que, desde este curso, os estudantes das ensinanzas artísticas superiores se benefician da gratuidade da matrícula.
A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso celebra este ano o seu 175º aniversario, reafirmándose como un referente na cultura. Ao longo da súa historia pasaron polas súas aulas importantes artistas, como Román Navarro, Lolita Díaz Baliño, Ángel Senra, María Barbeito ou Santiago Casares Quiroga, entre outros moitos. A directora xeral subliñou que o prestixio da escola débese a que o centro ofrece aos seus estudantes as ferramentas necesarias para ser grandes profesionais, ao tempo que contribúe á consolidación do tecido cultural e creativo da Comunidade.
VIII Xornadas de Arte e Deseño Bisiona
Entre o 22 e o 24 de xaneiro, a Escola Pablo Picasso organiza as VIII Xornadas de Arte e Deseño Bisiona, un evento centrado en conectar ao alumnado co sector profesional das artes e do deseño. Durante estas xornadas, participarán profesionais destacados de diversas disciplinas como ilustración, dourado, fotografía, deseño gráfico, deseño de interiores, cerámica e escultura. Os expertos compartirán a súa experiencia e os seus proxectos co alumnado, ofrecendo unha visión ampla e enriquecedora do panorama artístico e creativo. A programación tamén contará coa actuación da Aula de Saxofón do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que amenizará os descansos con pezas musicais contemporáneas. Todas as actividades se desenvolverán no salón de actos da escola, cun acceso aberto ao público ata completar aforo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.