Inclúe 15 obxectivos e 67 medidas de accións concretas estruturadas en 5 eixos.
O Goberno municipal elevará ao pleno ordinario que se celebrará o xoves da semana que vén a proposta de aprobación do IV Plan estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (PIOM), documento que previamente será sometido a ditame na Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno que se celebrará mañá mércores.
O novo PIOM actualizará e adaptará á realidade, normativas e necesidades actuais o Plan que está en vigor no Concello da Laracha desde novembro de 2011. Os seus contidos son o froito do traballo desenvolvido durante os últimos tres anos consistente na avaliación das medidas recollidas no Plan anterior e a elaboración do estudo diagnóstico das futuras necesidades a implantar en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero. O documento foi elaborado por técnicos de igualdade do Concello nutríndose das achegas de diversos axentes sociais, persoal municipal, responsables políticos e cidadáns laracheses representando a diferentes sectores poboacionais.
O IV PIOM da Laracha recolle 15 obxectivos claros e 67 medidas de accións concretas que abranguen desde a promoción da igualdade no ámbito educativo, cultural e laboral ata a incorporación da perspectiva de xénero na planificación urbana e na calidade de vida no municipio. Están agrupadas nestes 5 eixos:
1. Transversalidade de xénero na administración municipal.
2. Educación, cultura, deportes e lecer.
3. Emprego, corresponsabilidade e conciliación.
4. Benestar e participación social.
5. Abordaxe integral da violencia de xénero.
O documento apunta que “o Concello da Laracha destaca polo seu compromiso inequívoco coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes” mostrada nos últimos anos e que promove o novo PIOM “consciente dos desafíos persistentes que enfronta a nosa sociedade en materia de xénero” e para “trazar un camiño claro cara a construción dunha comunidade máis equitativa e xusta”.
Tamén subliña que ditos obxectivos deben ser, necesariamente, un compromiso colectivo, polo que fai un chamamento a toda a veciñanza a sumarse a esa tarefa común que permita construír un futuro mellor para as xeracións vindeiras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.