O curso está organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade e forma parte do Plan Anual de Formación da Escola Galega de Administración Pública
Mañá, 1 de marzo, comeza unha nova edición do curso “Formación Básica en materia de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes” organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración coa Escola Galega da Administración Pública (EGAP).
Esta actividade formativa está dirixida a todo o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e forma parte do Plan Anual de Formación da EGAP para o ano 2016. O curso ten como obxectivo o achegamento a conceptos básicos en materia de igualdade así como ás ferramentas necesarias para a integración da perspectiva de xénero no traballo cotián do persoal ao servizo da Xunta de Galicia.
Os contidos do curso divídense en cinco bloques: Conceptos básicos: políticas de igualdade, enfoque de xénero, mainstreaming de xénero; Marco normativo; Identificación e análise da pertinencia de xénero nas actuacións da administración; Indicadores de xénero; e Uso da linguaxe non sexista e protección da imaxe pública das mulleres.
A actividade estará impartida por profesorado da Asociación Profesional de Axentes para Igualdade de Oportunidades (APAIOGA) e contará con dúas edicións, unha no mes de marzo e outra no mes do outubro, nas que participarán 25 alumnos por curso.